Día Internacional da Xuventude

Dez dados sobre a precariedade laboral na mocidade galega

Os anuncios da mellora da situación económica tampouco chegan á mocidade, que sofre máis desemprego, precariedade, temporalidade e recibe peores salarios.

UXT mocidade
photo_camera Imaxe: UXT

O 12 de agosto é o Día Internacional da Xuventude, e UXT Galiza publica con motivo deste día un informe no que debulla a situación laboral dos mozos e mozas no mercado laboral do noso país.  A seguir, dez dados de interese que se recollen nese documento:

1) A taxa de paro na mocidade é de 16%, case 5 puntos superior ao do resto da poboación.  A taxa de actividade contráese nun punto e seis décimas no último ano, situándose en 60,7%. “Esta perda de actividade entre a mocidade está relacionada, non só co envellecemento da poboación, senón tamén co efecto desánimo das mozas e dos mozos galegos que, vendo poucas perspectivas de emprego, deciden continuar formándose retomando os seus estudos ou optar pola emigración cara outros contextos con maiores oportunidades”, indica UXT.

2) O paro de longa duración, aquelas persoas que levan máis dun ano no desemprego é na Galiza de 28% entre as persoas desempregadas menores de 35.

3) Hai unha diminución do desemprego entre as persoas máis mozas (menores de 35 anos) en 10.700 persoas no último ano. Mais a perda de poboación activa neste mesmo período e nesta mesma franxa de idade foi de 11.400 persoas. Así pois, a baixada a poboación activa nesas idades é superior á baixada do desemprego.

4) O 24,4% por cento das persoas desempregadas menores de 30 anos no Estado teñen educación superior (non existen datos a nivel da Galiza), subindo en relación ao ano anterior, cando era un 22,2. Por sectores, o 73,8% dos e das menores de 35 anos atópanse no sector servizos, caracterizado por unha maior precariedade.

5) 22,5% dos menores de 35 anos teñen contratos a tempo parcial fronte ao 14,5% do conxunto de idades. Para UXT-Galiza, a temporalidade é un desequilibrio

6) As persoas menores de 35 anos teñen unha taxa de temporalidade na Galiza do 50,2% fronte ao 26,7% que se rexistra no conxunto de idades.

7) O 31,8% das persoas menores de 30 anos teñen un contrato cunha duración inferior a seis meses e un 46,1% descoñece a duración da súa contratación.

8) A mocidade realiza un maior número de horas extraordinarias que o resto da poboación, un 7,9%, fronte a un 6,5%, a pesar de ter un maior número de contratos a tempo parcial. A isto hai que engadirlle que se se analiza o número de persoas que realizan horas extras, 29% son menores de 35 anos.

9) As mozas e os mozos galegos, entre 25 e 34 anos, perciben salarios un 21,6% inferiores ao resto de idades. Ademais, entre o 2010 e o 2017 (último dato dispoñíbel) as persoas entre 25 e 34 anos viron reducido o seu salario nun 3,5%, mentres que no conxunto de idades neste mesmo período medrou.

10) O alto nivel de desemprego e a mala calidade do emprego son os principais trazos que definen a precariedade laboral da xuventude para o sindicato.

Comentarios