Dez construtoras copan a metade da obra pública de Galiza

Acciona e Copasa lideran a táboa de adxudicatarias, sumando perto de un de cada tres euros que se destinaron en 2016 a obra pública.

Obra pública

As administracións destinaron a obra pública por volta de 610 millóns de euros en 2016, unha cifra sensibelmente inferior á que se rexistraba nalgún dos exercicios anteriores, mesmo en época de crise. En total, perto de 1.400 empresas e compañías foron ao longo deses meses adxudicatarias dalgunha obra pública en Galiza, segundo os datos da Federación Galega de Construción

Embora ese número, unha boa parte do pastel da obra pública foi só para dez construtoras. As dez principais adxudicatarias levaron 45% do total. Ficando 1.389 compañías co 55 por cento restante. Acciona foi en 2016 a construtora que máis se beneficiou da obra pública galega ao se facer co 15% do investimento, máis de 90 millóns de euros.

Copasa, con 12,7%; e Ogmios, con 3,5%, completan o podio dos tres primeiros. Tres construtoras que recibiron un de cada tres euros que durante o ano pasado se destinaron a obra pública no noso país.

Esta acumulación é máis notoria no investimento do estado en obra pública en Galiza, 80% do cal repartiuse entre as dez primeiras adxudicatarias. Porén, se pousamos a mirada na obra pública dos concellos, as dez primeiras empresas da lista representan apenas o 22% da adxudicación total.  

Comentarios