A destrución das caixas de aforros a exame no suplemento 'Producir'

O novo número do caderno Producir, que atoparás este sábado 6 de febreiro nos quiosques xunto con Nós Diario, analiza o problema da falta de competitividade da economía galega e afonda no proceso de liquidación das caixas de aforros. Ademais, examina o modelo real de negocio das grandes tecnolóxicas estadounidenses mais a lea aberta entre a Unión Europea e as farmacéuticas a conta da vacina contra o coronavirus.

Núñez Feixoo celebra en 2010 a fusión das caixas galegas coas súa directivas (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Núñez Feixoo celebra en 2010 a fusión das caixas galegas coas súa directivas (Foto: Europa Press).

Este sábado no quiosque, Nós Diario ofrece unha nova edición do semanario Sermos Galiza mais tamén do suplemento Producir, onde expertas e expertos analizan a economía galega desde diferentes ópticas.

A profesora María do Carme García-Negro abre o carderno cunha reflexión sobre a guerra económica aberta no seo da Unión Europea a raíz da súa xestión das compras da vacina contra o coronavirus. Unha estratexia que tamén implica ás compañías farmacéuticas responsábeis de achegar as doses necesarias.

"A UE non estivo á altura das informacións oferecidas, pecou de precipitación política e creou falsas expectativas de solución da pandemia. En todo caso foi máis alá da ética política", apunta a autora na primeira páxina do Producir que completan María Cadaval, cun artigo sobre os misterios do prezo da luz e Bernardo Valdês Paços, con outro sobre os usos das terras.

O negocio das tecnolóxicas estadounidenses

Xabier P. Davila afonda no modelo de negocio real das grandes tecnolóxicas estadounidenses: Apple, Microsoft, Amazon, Google e Facebook, nun artigo que titula 'As FAGAM son capital e poder imperial'.

Afirma o economista que "o modelo de negocio das FAGAM nútrese coas nosas vidas transformadas en datos para alimentaren os seus sistemas de intelixencia artificial e vendelos en forma de publicidade, o principal negocio de Google e Facebook".

A canda esta peza, poderás ler o comentario de Manoel Barbeitos sobre impostos e crecemento económico que autor presenta baixo o título 'ideas zombi'.

"Falha de competitividade"

'AP-9 e a competitividade da economia galega' é a achega de Joám José Romero Durán no que analiza o peso da autoestrada do Atlántico e os distintos factores que afectam a competitividade da economía galega, "algúns de carácter máis estrutural como os relacionados co territorio, as infraestruturas ou as TICs, o acceso á enerxía e a dispoñibilidade de solo industrial", principia o economista.

O enxeneiro agrícola Xosé Carballido desenvolve as razóns tras a Lei de recuperación da terra agraria nunha peza que percorre a historia das desamortizacións até a norma máis recente que " permitirá incorporar ao patrimonio público fincas infrautilizadas ou sen dono coñecido, facilitando a creación de polígonos agroforestais publico-privados que poden ser vendidos á mellor oferta", mantén.

O fin das caixas de aforros

Iago Santos Castroviejo descobre as responsabilidades no proceso de liquidación das caixas de aforro. "Cando os membros da asemblea e do consello foron preguntados sobre por que non exerceran ningún control dos créditos e operacións que se sometían á súa aprobación, todos sen excepción dixeron que 'había confianza'", comeza a debullar nun artigo titulado 'O principio de rendición de contas e a destrución das caixas de aforros'.

'Trawlermen' é a achega do porfesor da USC Gonzalo Rodríguez para o caderno Producir deste mes, unh apalabra inglesa que denomina os mariñeiros do arrastre e que o autor asume como punto de partida para destacar a necesidade de poñer en valor a actividade pesqueira.

Na contracapa, Lois Lopes, voceiro da Plataforma en defensa da hostalaría galega, responde ás preguntas sobre a creación deste nofo foro de reivindicación.

Xa sabes que se queres estar ao día sobre a economía galega tes que conseguir o Producir que atoparás no teu quioque habitual acompañando Nós Diario. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes inscribirte nesta ligazón.

Comentarios