Despois de 24 meses de subas de prezos, o IPC incrementouse 13,6% na Galiza

O prezo dos produtos de alimentación aumentou 16,2% na última anualidade e a electricidade case se duplicou desde 2020.
O prezo dos ovos aumentou 29,8% durante o ano 2022, tan só por detrás dos incrementos do azúcar, dos aceites e graxas e do leite (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera O prezo dos ovos aumentou 29,8% durante o ano 2022, tan só por detrás dos incrementos do azúcar, dos aceites e graxas e do leite (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
  1. O IPC da Galiza aumentou até en 13,6% en dous anos
  2. Os alimentos desbocados
  3. A inflación subxacente escala á cifra récord desde que hai datos 
  4. O prezo da luz case chegou a duplicarse desde 2020

A Galiza fechou o ano 2022 cuns prezos 6,4% máis altos que ao remate do ano anterior. Desta forma, a inflación interanual da Galiza con respecto a novembro moderouse en 1,1 puntos porcentuais. Porén, a taxa continúa a ser sete décimas porcentuais máis alta que a do conxunto do Estado, que rematou o ano cun incremento do Índice de Prezos de Consumo (IPC) de 5,7%.

A principal suba de prezos no país durante o ano 2022 deuse no apartado dos alimentos e as bebidas non alcólicas, que aumentaron en 16,2%, medio punto porcentual por riba da suba deste bloque de produtos no conxunto do Estado español.

A nivel galego, aos produtos alimentarios seguiron os restaurantes e hoteis, cunha suba de 9,2%; os móbeis, artigos do fogar e artigos para o mantemento do fogar, que encareceron 8,6%; así como as bebidas alcólicas e o tabaco, que aumentaron 8% o seu prezo. Pola contra, a maior baixada de custo deuse en vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis, cun abaratamento de 3,8%.

Unha baixada que non é representativa dun abaratamento da electricidade e dos combustíbeis a longo prazo, pois é preciso ter en conta que a comparación se fai co mes de decembro de 2021, cando a suba interanual deste apartado alcanzaba 27,1%.

A escalada da crise inflacionista a finais do ano 2021 explica a rebaixa do IPC interanual que se experimentou durante o mes de decembro, que chegou a 6,4% desde a taxa de 7,5% do mes de novembro. Porén, os prezos non baixaron en decembro de 2022, senón que o custo dos produtos  e servizos foi 0,1% máis caro que en novembro do mesmo ano.

O IPC da Galiza aumentou en 13,6% en dous anos

Un proceso de encarecemento dos prezos que, despois dun proceso de crise inflacionista na que se acumulan 24 meses de subas interanuais da inflación, enténdese mellor no longo prazo. 

De feito, nese período de dous anos que vai desde o último mes de 2020 ao derradeiro mes de 2022, o IPC aumentou na Galiza en 13,6%, até un punto porcentual por riba da suba que experimentou o conxunto do Estado.

En termos mensuais, na Galiza tan só baixaron os prezos dos produtos e servizos vencellados ao transporte, en 5%, así como ao vestido e calzado, en 1%. Todo o resto de conxuntos de produtos e servizos subiron, en especial as bebidas alcólicas e o tabaco, en 2,8%, e os alimentos e bebidas non alcólicas, en 2,4%.

Os alimentos desbocados

O custo dos produtos alimentarios encareceuse medio punto porcentual máis na Galiza (16,2%) do que o fixo no Estado español (15,7%) durante o ano 2022.

Porén, o Instituto Nacional de Estatística (INE) tan só proporciona datos desagregados por tipos de alimentos e bebidas non alcólicas a nivel estatal.

Tendo en conta estes datos do conxunto do Estado, os alimentos que máis subiron de prezo no último ano foron o azucre (50,6%), os aceites e graxas (38,1%), o leite (37,2%), os ovos (29,8%), os produtos lácteos (23,4%), os cereais (22,7%) e as patacas (+22,6%). A nivel mensual, en decembro destacou a suba do aceite de oliva, de 8,3%, a do arroz, de 7,7%, así como a do leite, que encareceu 5,9%. 

A inflación subxacente escala á cifra récord desde que hai datos 

O Instituto Nacional de Estatística (INE) elevou unha décima a súa estimación inicial inflación subxacente, indicador considerado máis preciso por excluír os alimentos non elaborados e os produtos enerxéticos, que finalmente fechou decembro en 7%, unha taxa sete décimas superior á de novembro e a máis elevada da serie histórica -desde 2002-, abrindo unha fenda de 1,3 puntos porcentuais co IPC xeral do Estado español -o dato da subxacente non se proporciona a nivel galego-.

A suba do IPC subxacente deixa entrever unha inflación estrutural que se ten incrustado no conxunto dos sectores da economía. Ademais, a evolución deste dato será importante para dilucidar se o Goberno do Estado español prorroga as medidas de rebaixa do IVE de certos alimentos, feito que se dará se o IPC subxacente do mes de xuño supera 5,5%.

O prezo da luz case chegou a duplicarse desde 2020

O factura media que abonan as usuarias e usuarios pola electricidade practicamente se duplicou en dous anos. Desta forma, segundo os datos da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), xa co exercicio de 2022 culminado, o prezo mensual medio pagado polas familias cunha factura estándar da luz pasou de 56,28 euros en 2020 a 105,48 no ano 2022.

A pesar da intensa baixada dos prezos da electricidade rexistrada nos últimos dous meses -novembro e decembro-, o prezo da factura media do derradeiro mes do ano 2022 foi de 79,35 euros, notabelmente superior ao prezo medio rexistrado dous anos antes, en decembro de 2020, cando a factura media da luz alcanzaba 60,96 euros.
 

Comentarios