REFORMA LABORAL

Despiden 41 obreir@s en Touro por mor das posíbeis perdas futuras da empresa

Corenta e un traballador@s da empresa ‘Francisco Gómez e Cia’, quedarán na rúa despois de se executar o ERE aprobado unilateralmente pola empresa e que foi xustificado en previsión de perdas futuras.
concentración dos traballadores
photo_camera concentración dos traballadores

Francisco Gómez e Cia é un grupo dedicado cento por cento á construción de obra pública que xestiona ademais os terreos da mina de Touro. Eduardo Sebio, da CIG-Construción explica que nos últimos anos obtivo, pola súa actividade, uns beneficios millonarios e denuncia que agora, aproveitando a reforma laboral e alegando supostas perdas futuras pola falta de carga de traballo, decidiu aplicar un ERE que deixa na rúa 41 traballador@s.

Sebio denuncia que a actitude desta empresa, non só é inadmisíbel cos traballador@s -algunhas destas persoas levaban até 20 anos traballando para ela- senón tamén reprobábel do punto de vista ecolóxico e social.

Cando Francisco Gómez e Cia se fixo coa xestión dos terreos da mina de Touro asumiu a obriga de rexenerar a zona afectada pola actividade mineira. Porén, o representante da CIG-Construción asegura que no canto diso, o que fixo foi aproveitalos como vertedoiro para botar lodos de depuradora, restos de conserveiras ou cunchas. “A acumulación de restos provoca uns cheiros insoportábeis e mesmo contaminou o río Lañas e o regato de Brandelos”.

O representante da CIG-Construción considera que até o de agora, a empresa conseguiu acalar a veciñanza, malia estas prácticas, porque moita dela, que agora foi despedida, dependía economicamente da súa actividade.

A explotación da mina de Touro podería reabrirse se os estudos iniciados son satisfactorios. De feito, unha multinacional, Lundin Minig Corporation, asinou recentemente un acordo de opción de compra. De facerse efectiva a adquisición, a operación reportaría até 60 millóns de euros á construtora. “Isto fai aínda máis inxustificábel que se aleguen perdas futuras e se despidan 41 traballadores”.

Comentarios