Despide a todos os seus traballadores por ir á folga, que cualifica de ilegal

O propietario de Electricidade Carlos procedeu ao despedimento do cadro de persoal da empresa por ir á folga, alegando que se ausentaron do seu posto de traballo, xa que segundo o seu parecer a folga é ilegal
cig

O dono de Electricidade Carlos, ubicada en Ordes, despediu todos os traballadores da empresa por ir á folga. O empresario alega que se ausentaron do seu posto de traballo, posto que a folga, considera, é ilegal. Desde a CIG-Metal negan rotundamente que a folga fose ilegal, posto que a convocatoria "foi presentada no tempo e forma que marca a normativa vixente". Os únicos que non recibiron a carta de despedimento foron os cinco empregados que nestes momentos se atopan no expediente de regulación temporal.

O delegado de persoal da CIG, Ovidio Castenda, xa adiantou que o persoal afectado vai recorrer a decisión do empresario co obxectivo de que se recoñeza a improcedencia do despedimento. “Cremos que esta é unha medida de presión para intimidar aos traballadores/as e que nega o noso dereito á ir á folga”, valoraba Castenda, quen entende que con esta medida o empresario tamén quere evitar as mobilizacións do persoal e a visualización pública deste conflito.

Protesta

Os traballadores de Electricidade Carlos iniciaron unha folga o pasado 28 de xaneiro en demanda do cobro das débedas salariais que a empresa mantén con eles, e que nalgúns casos ascende xa a máis de 11.000 euros. 

Os traballadores teñen vixente dende maio do pasado ano até o próximo abril un ERE suspensivo rotatorio, polo cal cada un dos 20 operarios permanece no paro durante catro meses, o único período no que cobraron puntualmente un salario. O obxectivo alegado polo propietario para xustificar esta regulación, sinala Castenda, era aliviar os problemas económicos da empresa aproveitando que non tiña que facer fronte ao pago de parte das nóminas, “mais o único que conseguiu foi agravar o problema”.

Comentarios