A despensa galega nútrese fóra

Gastamos cada ano centos de millóns de euros en importar alimentos. Este 2019 arrancou cun incremento de 15% nas importacións deses produtos. A balanza comercial entre os alimentos que exportamos e os que importamos é negativa en por volta de 900 millóns de euros anuais.  Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 342 do semanario Sermos Galiza.

O sector agroalimentar de Galiza depende dos produtos e materias primas procedentes do exterior. Galiza, que se construíu durante décadas no imaxinario propio e alleo como unha despensa farturenta, gasta cada mes entre 300 e 400 millóns de euros en importar alimentos. Entre eles, e nos primeiros lugares, produtos da pesca e cereais. As estatísticas da Secretaría de Estado de Comercio indican como mesmo naqueles produtos máis vencellados á economía local existe unha dependencia no subministro de materias primas ou de produtos procedentes da transformación das mesmas. 

O Informe Mensual de Comercio Exterior de Galiza de inicios de 2019 rexistra como o ano comezou cun importante aumento -de máis de 15%- na importación de alimentos por parte de Galiza a respecto de inicios do exercicio anterior, 2018. No mes de xaneiro pasado gastamos case 400 millóns de euros en comprar alimentos fóra. Unha cifra sensibelmente superior aos 221 millóns de euros que exportamos en categoría de alimentos. A balanza comercial está aquí desequilibrada para Galiza en 170 millóns de euros en apenas un mes.

Os alimentos son xa o segundo grupo en importacións, só por detrás das compras do sector de automóbil, que é 33% do total do que mercamos no exterior. Os alimentos representan 21% das importacións, o que supón que un de cada cinco euros que gastamos en traer produtos do estranxeiro é para produtos alimentarios. 

E que alimentos importamos? O primeiro posto é para os da pesca, nos que gastamos en xaneiro 330 millóns de euros. É o segundo produto - só por detrás dos compoñentes de automóbil- que máis importamos en Galiza pois representa 17,5% do total. O noso país lidera a maior industria pesqueira no Estado e tamén na Unión Europea -no conxunto de Europa é Noruega- e precisa de recursos fóra pois nin os caladoiros nin a nosa frota dan abastecido.


Galiza perdeu 265.000 hectáreas de superficie agraria útil en apenas tres décadas. Só 24% do noso territorio ten uso agrícola face ao promedio do 40% de países máis desenvolvidos. Desde organizacións como a Federación Rural Galega ou Sindicato Labrego Galego lembran periodicamente que Galiza ten unha balanza agraria negativa: importa máis alimentos dos que exporta. Unha diferenza de centos de millóns de euros. “Só hai que ir ás grandes superficies e ver de onde veñen os produtos, mesmo as hortalizas”, ou mesmo o leite, con importación en Galiza [potencia produtora] dos seus derivados, advirten os produtores.
 

[Podes ler a información íntegra no número 342 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios