Os despedimentos detrás do ‘glamour’

A maior empresa téxtil da provincia de Ourense, Lonia (STL), desfíxose en 2018 de 15% do seu cadro de persoal no que desde a CIG consideran un “ERE encuberto”.

textil lonia

A Sociedade Textil Lonia (STL) emprega de forma permanente a por volta de 750 persoas e é a empresa do téxtil máis importante da provincia de Ourense e das principais de Galiza. Ao longo de 2018 STL despediu 46 persoas e rexistrou 71 baixas voluntarias, segundo a CIG, sindicato para o cal que a empresa prescinda de 15% do seu cadro de persoal encubre un “ERE encuberto”. O Estatuto dos Traballadores e Traballadoras fixa en 10% o límite para definir un despido colectivo.

Hai, sinala a central, un despedimento de traballadores fixos para contratar a outros colectivos que acheguen beneficios fiscais, bonificacións nas cotizacións, e con empregos en precario. “A práctica totalidade das rescisións de contrato afectaron a persoas con moita antigüidade e con formación contrastada”, sinala o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo.

Segundo denuncia, STL utilizou a figura do “despedimento disciplinario” e, “sen discutir os feitos”, conciliou na Unidade de Mediación Arbitraxe e Conciliación e pagou a máxima indemnización legal posíbel. “Calculamos que neste capítulo gastou arredor de 900.000 euros, o que nos parece un dispendio e un despilfarro absolutamente innecesario, máxime cando, a maioría dos despidos foron de persoal veterano e experimentado”.

Carballo incide “no enorme contraste que existe entre o glamour de certas prendas de grandes e coñecidas marcas coa realidade que hai detrás das etiquetas, dos procesos industriais e das persoas que fan posíbel que eses modelos luzan nos escaparates”. Unha afirmación que parte do feito de que STL desenvolve a nivel internacional as marcas Purificación García e CH Carolina Herrera. 

Comentarios