O desmantelamento da central térmica de Meirama xerará máis de 130.000 toneladas de residuos

A empresa indica que “reutilizará” a metade, por volta de 68.000 Tm.

Central térmica de Meirama (Greenpeace)
photo_camera Central térmica de Meirama (Greenpeace)

O desmantelamento da central térmica de Meirama, en Cerceda, xerará 131.745 toneladas de residuos, segundo o informe de impacto ambiental publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica no Boletín Oficial do Estado (BOE). Do total, a empresa encargada do proxecto,  Naturgy, "reutilizará" 68.339 toneladas.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece na resolución que "non é necesario o sometemento ao procedemento de avaliación ordinaria" do proxecto porque non se prevén "efectos adversos significativos sobre o medio ambiente" e lembra a obrigatoriedade do cumprimento das medidas preventivas establecidas no documento.

Os principais residuos serán " pétreos e metálicos", con 90.295 e 37.063 toneladas, respectivamente, e o documento especifica que "se priorizará en todo momento a valorización fronte á eliminación".

O proxecto desenvolverase en tres fases e nas cinco áreas nas que se divide o complexo, pechado finalmente o pasado 30 de xuño despois de 40 anos da súa conexión á rede eléctrica en 1980.

Na primeira fase do proxecto realizarase, segundo o documento, a limpeza de equipos e instalacións e a retirada de illamentos térmicos, cubertas e outros elementos contaminantes.

Na segunda etapa, procederase ao desmonte dos equipos industriais e á demolición das infraestruturas.

Será unha demolición, engade o informe, "controlada e planificada" cun "adecuado control das emisións á atmosfera, unha boa segregación dos residuos e unha redución do nivel de ruído xerado".

Finalmente, a última fase será de "actuacións de adecuación da parcela".

Comentarios