O desleixo da Xunta ante o peche de cotas para a frota galega deixa en terra 60 barcos e 400 mariñeiros

Informes científicos sinalan que a pescada está en "niveis de rendemento máximo posíbel" polo que habería marxe para atopar unha solución para estes buques, alegan desde a oposición.

Mariñeiro en plena faena. Foto: Greenpeace

O peche das cotas de pesca de certas especies vai levar a ter que estar amarrados en porto durante varios meses a 60 barcos da frota galega e 400 mariñeiros. Así o denuncian desde as filas socialistas na Cámara galega.

Acusan a Xunta e Consellería de Pesca de desleixo e inacción após que o Ministerio comunicase a armadores que non poderían faenar até xaneiro alegando que cubriran as cotas de especies autorizadas. Mais, sinala o deputado José Ramón Val, informes técnicos científicos indican que recursos como a pescada “están nun momento excelente, en niveis de rendemento máximo posíbel”. Iso permitiría, apuntan, a ampliar a cota e que estes barcos puidesen seguir a faenar.

Que o goberno galego non estea a traballar nesa liña, indican desde o PSdeG, evidencia que desiste de procurar unha “solución posíbel” para esta parte da frota galega, alén de demostra a “falla de peso político” da Xunta ante o executivo o central.

Comentarios