mércores 05/05/21

A desescalada non contenta as empresas galegas

O vindeiro 4 de maio serán moitos os negocios que poidan reabrir as súas portas. A escasa información e as dificultades económicas que atravesan, fai que practicamente todos os sectores acollan esta decisión con máis enfado que esperanza.
Centro de beleza (Arxina).
Centro de beleza (Arxina).

O Ministerio de Sanidade comprometeuse a ter publicado antes do 4 de maio as ordes que marcarán as directrices para a reapertura de negocios como barbarías, restaurantes e pequenos comercios. Esta situación de incerteza, sumada a que moitas autónomas aínda non percibiron os cartos das axudas polo cese da actividade, fai que non reciban con moito entusiasmo unha medida que o Goberno español ve como táboa de salvación de moitos destes negocios, mentres que as empresarias advirten que en non poucos casos o feito de abrir vailles provocar máis perdas case que ganancias.

Un deses colectivos son os hostaleiros. Na fase cero, que comeza esta segunda feira, os restaurantes só poderán servir comida para levar. Haberá que esperar á fase 1 para que poidan habilitar as terrazas, pero só con 30% do aforo. A asociación de hostalaría e turismo de Lugo xa anunciou que, con estas medidas, non pensan levantar as reixas dos seus negocios. Como advirte o seu presidente, Cheché Real, "ao único que van conducir" as medidas de desescalada será á "precariedade", tanto a empresas como a empregados.

Como sinala o presidente dos hostaleiros lucenses, "non podemos ter aberto todo un espazo para traballar unicamente con tres mesas, no mellor dos casos". Tamén lembra que "os gastos de luz, auga, gas, salarios, alugueiro e seguridade social son incompatíbeis" coas medidas que propón o Goberno estatal, que tacha de "despropósito".

Na mesma liña, os empresarios do sector de Compostela consideran que a súa primeira tarefa será a de recuperar a confianza das clientas "para que a xente poida sentirse cómoda". Asumen que as medidas sanitarias "teñen a súa razón de ser", pero como apunta Avelino Martínez, do restaurante O Dezaseis, "cunha redución de aforo de 70% hai que xestionar o persoal". Nese sentido, bota en falta información para poderlle trasladar ás súas traballadoras cal vai ser a súa situación.

Lois Lópes, portavoz da directiva de Hostelaría Compostela, e socio de A Nave de Vidán, pola súa banda, reclama medidas económicas efectivas para garantir a viabilidade destes negocios. En declaracións a este medio recoñecía que os avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO) "están moi ben", mais o problema é que "as entidades bancarias non garanten que os vaian pór en mans de quen os necesita e non das súas mellores clientas".  

A incerteza condiciona o pequeno comercio

Tamén están pendentes das directrices de Sanidade as barbarías. Natalia Pita ten un estabelecemento de beleza na Coruña. Como explica a Nós Diario, o crédito do ICO serviulle para facer fronte a dous meses de atrasos, pero a prestación por cese de negocio aínda non a cobrou. Conta con poder abrir o día 4, xa que de momento non ten confirmación oficial. A mediados desta semana abriu un servizo de pre-cita e xa ten 20 clientas en espera. "Se non houbese restricións, podería atendelas en día e medio. Agora teño que repartilas en catro días, polo feito de atendelas individualmente e pola desinfección do local, que me leva ben media hora entre clienta e clienta. O que antes gañaba en día e medio agora non o cobro en catro días", apunta.

O pequeno comercio tamén mira a reapertura con desconfianza. As patronais do sector consideran que a desescalada nos negocios debería ser voluntaria mentres duren os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), pero antes queren saber se se poderán estender no tempo, xa que para moitos negocios, apuntan, non é economicamente viábel a apertura con restricións.

Amosan a súa preocupación polas ofertas e descontos dos grandes estabelecementos que, como denuncian, suporían a "asfixia" de pemes e autónomas, polo que exixen aos Gobernos unha regulación específica para controlar estas prácticas, así como a articulación de axudas para a compra dos equipos de protección que precisan as empregadas destes negocios.

Revolución téxtil

Entre os comercios, os de moda son dos que máis tempo levan estudando a súa reapertura. O secretario xeral do Clúster Galego Téxtil Moda (Cointega), Alberto Rocha, recoñece a Nós Diario que "a campaña de verán está xa perdida". Neste senso, considera vital que se poidan abrir canto antes as tendas. De momento será de forma puntual e con previa cita, pero o 11 de maio prevese que xa poidan abrir tamén os que están a pé de rúa con aforo limitado.

Respecto das medidas de seguridade, Rocha avanza que o Clúster está a traballar, en colaboración coas marcas de moda galegas, nun protocolo de seguridade propio que esperan ter listo a mediados da vindeira semana. "Hai que intentar ir por libre, porque por desgraza a parte pública, nalgúns casos, está a ser un obstáculo e un problema", sinala o secretario xeral. 

No que atinxe á afluencia as tendas, Rocha cre que "para a tenda multimarca non vai ser un problema, porque non adoitan ter grandes aglomeracións de xente, pero si para as grandes cadeas, en especial as de low cost, que basean o seu modelo de negocio na afluencia", apunta Rocha. 

De feito, o responsábel de Cointega pensa que o low cost pode ser o gran damnificado de toda esta situación, "o cal nin sequera ten por que ser malo", engade. A cuestión é que o propio concepto xa se vai ver afectado polo feito de que os custos van aumentar. Isto pode provocar unha crecente aposta pola produción de proximidade, "sobre todo en Marrocos, Portugal e algo menos no Estado español", pero será "un axuste, non unha tendencia xeneralizada", apunta.

O que está por ver é como vai afectar no consumo e nos canais de comercialización. Rocha opina que a compra será previsíbel que se faga xa por internet. Neste senso, advirte de que "as tendas pequenas ou as multimarca, que sempre viron con moito recelo esta canle, ou métense ou poden desaparecer".

Co tempo en contra

Á marxe do comercio, na Galiza hai outro tipo de negocios que xogan co tempo na súa contra. É o caso do sector náutico. A Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan) cifra en 30% a caída da facturación e unha perda de 50% do emprego, en parte pola imposibilidade de levar a cabo actividades programadas con escolares e persoas maiores. Ademais, advirte de que medidas como a redución do aforo das embarcacións e a caída de reservas "pode provocar unha situación insostíbel para algunhas das empresas". Nese senso, apunta que a temporalidade do servizo, motivada polas condicións meteorolóxicas da Galiza, "complica a recuperación do sector", polo que, ao igual que o resto, exixe apoio económico ás Administracións. 

comentarios