Agosto é tradicionalmente un mal mes para o emprego, e este ano non foi unha excepción. O paro rexistrado incrementouse en 663 persoas até alcanzar as 118.678, o que significa unha alza en relación a xullo de 0,54%. Nesta orientación, o Ministerio de Traballo e Economía Social indica que 48.317 desempregados son homes e 70.361 mulleres, sendo 4.441 parados e paradas menores de 25 anos.
O sector servizos liderou a destrución de emprego con 578 persoas, até sumar 87.776 parados. A continuación situouse o complexo industrial, cun incremento do desemprego de 158 persoas e unha suma total de 11.654. Pola contra, a agricultura criou 86 novos postos de traballo e a construción 13 no saldo global do mes de agosto.
As cifras de afiliación á Seguridade Social sitúanse na mesma dirección. Nesta liña, o número de persoas afiliadas reduciuse en 486 en relación ao mes de xullo, marcando unha caída de 0,04%. A este respecto, o Goberno do Estado cifra en 1.092.886 os homes e mulleres inscritos nos diferentes réximes da Seguridade Social, a maior parte dos cales fan parte do réxime xeral.
A caída da ocupación tivo un forte impacto nos traballadores e traballadoras por conta propia. Nesta dirección, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións destaca que o Réxime especial de traballadores autónomos (RETA) perdeu 364 cotizantes no último mes, volvendo ser Galiza a comunidade do Estado español que máis emprego autónomo destruíu
A temporalidade e a parcialidade caracterizou as contratacións rexistrados no mes de agosto. Segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social, asináronse 61.795, é dicir, 24,2% menos que hai un mes e 4,2 % menos que hai un ano, sendo 15.700 deles de carácter indefinido e 46.095 de natureza temporal. Neste punto, a maior parte dos novos empregos correspondéronse co sector dos servizos, con até 50.061 altas e na industria con 7.991.
A estacionalidade
A estacionalidade condicionou novamente a realidade do emprego neste segundo mes do verán. Un mostra evidente disto é que a creación de postos de traballo estivo moi asociada a actividades ligadas co turismo, destacando dentro destas á hostalaría e o comercio retallista. Porén, presenta algúns indicadores especialmente preocupantes, como a caída de 4,2% da sinatura de contratos en relación ao mesmo mes de 2023.
Os datos de ocupación do mes de agosto atópanse en liña cos de xullo. Malia que neste mes o mercado laboral adoitaba tradicionalmente a tomar impulso, as cifras de 2024 xa avanzaban un mal comportamento das ocupacións. Tanto é así, que no mes pasado perdéronse 107 empregos no conxunto da Galiza, liderando as cifras o sector servizos, sendo xa dous meses de verán onde aumentan os desempregados e onde caen as afiliacións á Seguridade Social.
As cifras de xullo e de agosto apuntan a unha parada na creación de emprego e a unha mudanza de ciclo nos ritmos do mercado laboral. Neste sentido, o seu aspecto máis positivo derívase do progresivo aumento das contratacións ao longo da última anualidade, que permite contar con 9.047 desempregados menos que hai un ano. Porén, a maior parte destes novos contratos rexistráronse no sector servizos, onde a destrución de postos de traballo é mais doada polas altas taxas de parcialidade e temporalidade.
O secretario de negociación colectiva e emprego da CIG, Francisco González Sío, indicou onte que “máis unha vez todo o desemprego rexistrado afecta ás mulleres, entre as que sobe un 59,2%. Houbo, ademais 486 persoas afiliadas en alta laboral menos. Unha caída de afiliación que afectou, case exclusivamente, ás persoas con contrato indefinido”. Nesta dirección, salienta “o considerábel aumento das afiliacións á Seguridade Social con contrato temporal, chegando a temporalidade a 25,6%, logo de meses medrando”.
O secretario de organización da UXT, José Luis Fernández Celis, asegurou que “os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social de agosto, publicados onte, amosan un aumento das persoas rexistradas como paradas e un descenso das afiliadas con respecto a xullo, unha tendencia que é habitual nos meses de agosto, ao coincidir co período estival e o feche por vacacións de moitas empresas”. Nesta liña, afirmou que “non hai dúbida de que a reforma laboral marcou un antes e un despois en termos de calidade de emprego”.
Pola súa parte, a secretaria de emprego de CCOO, Maica Bouza, cualificou de “positivas” as cifras de afiliación á Seguridade Social. Porén, Bouza apuntou que “cómpre sinalar que, pese a este bo comportamento, se o comparamos co mesmo mes do ano anterior, a situación do emprego é significativamente peor". Na mesma dirección, considerou “negativos” os datos do paro, debido a un "importante incremento" do desemprego feminino, o que "acrecenta a fenda das mulleres no mercado laboral galego".
O modelo produtivo condiciona o emprego
O debate sobre o emprego está directamente asociado ao modelo produtivo. Neste punto, Francisco González Sío atribúe a baixa da contracción indefinida a "un momento de esgotamento na posibilidade de creación de emprego" como consecuencia do modelo de mercado laboral "baseado no traballo precario", no turismo e no sector servizos. A este respecto, sinala "cando o turismo descende un pouco increméntanse as taxas de paro, aumenta a contratación temporal, descende a indefinida”.
José Luis Fernández Celis reclama “continuar avanzando no camiño da estabilidade iniciado grazas á reforma laboral, modificando as cuestións que quedaron pendentes, como os custos e as causas do despedimento. Pois, como concluíu o Comité Europeo de Dereitos Sociais, tras a reclamación presentada por UXT, España non cumpre coa Carta Social Europea”.
Maica Bouza considera urxente un cambio de modelo produtivo na Galiza, apostando por actividades como a educación ou as profesionais, científicas e técnicas. Sinala que o presidente da Xunta da Galiza "debera deixar de ollar para Madrid" e centrar os seus esforzos en elaborar un proxecto de orzamentos para 2025 "que non deixe Galiza fóra do cambio de modelo produtivo".