O desembarco de Zegona en Euskaltel tradúcese nos 10 primeiros despidos en R

Tamén haberá despedimentos no grupo vasco e en Telecable.

r

O fondo de capital risco británico Zegona consolidouse como primeiro accionista de Euskaltel co 21% do capital, unha operación que provoca un tremor político en Euskal Herria para que esta operadora –a cuarta a nivel de Estado– manteña sede, peso e actividade no País Vasco. Cando Euskaltel papou R en 2015, pouco se moveu no Goberno galego.

Os novos mandatarios en Euskaltel ao pouco do seu desembarco realizaron unha vaga de cesamento de 20 directivos e directivas, dous deles da galega R. O novo conselleiro delegado de Euskaltel, José Miguel García, dedicouse nestas semanas a pedir tranquilidade. Mais, tal e como informa Europa Press, esta quinta feira anunciou ao comité de empresa 25 despedimentos: 10 en R, 8 en Euskaltel e 7 en Telecable.

Euskaltel naceu en 1995 como empresa participada polas administracións vascas e as caixas de aforro de Euskadi. O Goberno vasco tiña o 40% das accións. Desde aquela foron dando entrada a socios e investidores privados e acabou saíndo a Bolsa. Polo camiño, operacións como a de se facer coa galega R por 1155 millóns de euros e que serviu de porta para entrar en novos mercados.

Comentarios