Descontento na hostalaría coas restricións aprobadas pola Xunta

As medidas anunciadas para a hostalaría galega a partir deste domingo, unha vez que decaia o estado de alarma, non gustan a unha maioría do sector, que segue a pedir diálogo. No hoteleiro, pola contra, agardan unha mellora, mais para o vindeiro mes de xullo.
Acción da hostalaría galega en Compostela o pasado mes de xaneiro (Arxina).
photo_camera Acción da hostalaría galega en Compostela o pasado mes de xaneiro (Foto: Arxina).

A partir do domingo os bares e cafetarías poderán abrir en toda a Galiza (excepto nos concellos do nivel máximo) até as 23 horas, e os restaurantes até a 1, sempre que conten coa licenza de local de restauración, rexistren as e os comensais e dispoñan dun medidor de CO2 para controlar a calidade do aire. 

Nos municipios que estean no nivel alto, como viña sendo habitual, tanto bares como restaurantes poderán atender só nas terrazas, cunha capacidade de 50%; no nivel medio, a 50% no exterior e 30% no interior, e no baixo, a 75% e 50% respectivamente. 

Unha boa parte da hostalaría non recibiu con satisfacción as primeiras decisións do Goberno galego de cara ao seu sector, aínda que agardan a ler o Diario Oficial da Galiza (DOG).  

A Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, considera que seguen a discriminar parte do sector. "Distinguen o servizo dun restaurante ao dun bar sen contar que hai moitos estabelecementos con licenza de café bar que se dedicaban a dar comidas e ceas", explica a súa voceira Lucía Vázquez. "Que diferenza hai entre un bar e un restaurante para poder estar dúas horas máis traballando?", pregúntase. 

Vázquez afirma que os restaurantes teñen problemas para realizar a súa función ao contar con clientes "que o que queren é tomar unha caña e, polo tanto, perdes aqueles que o que queren é cear".

As dúbidas sobre como serán as medidas a partir deste domingo chegan mesmo á propia organización das obrigas que teñan os negocios. "Aínda non sabemos se os bares teremos que contar con medidores de CO2 ou non", afirma Vázquez. 

Tampouco están conformes coas medidas de control que impuxo a Xunta polo seu mal funcionamento. "Os códigos QR non funcionan e o rexistro manual de cada cliente dos restaurantes son inoperativos", indica Vázquez a Nós Diario, "ademais de que non obriga a todo o resto de lugares fechados polos que pasa durante o día ese mesmo cliente, nin obedecen aos rastrexos nin a evitar contaxios", engade. 

Malestar entre o ocio nocturno

O ocio nocturno tampouco entende as medidas. "O 30% que temos é unha broma", asegura Serxio Perille, da Hostalaría de Ferrolterra, "e din que sería  até as 23 horas, cando fechan tamén os negocios diurnos", engade.

A visión da asociación provincial de hostalaría de Lugo é ben diferente. Cheché Real, o seu presidente, afirma que as medidas son "benvidas" e  cre que están encamiñadas "a xerar máis fluxo económico e máis emprego". Pensa que son lóxicas ao contar "cunha mellor situación epidemiolóxica".

Sen diálogo co sector

Lucía Vázquez asegura que sabe das medidas a través dos medios de comunicación. "A Xunta insiste que dialogan co sector mais a Federación da Hostalaría Galega (Hosfega), que é a que conta con máis negocios e representatividade, non está convidada" aínda que asegura que "se solicitaron reunións". 

Richard Santamarina, vicepresidente de Hosfega, entende que "os que están participando nas conversas agora teñen descoñecemento do funcionamento en xeral das partes da operativa da hostalaría".

O turismo nos hoteis a partir de xullo

A fin do estado de alarma non tivo repercusión no incremento dos aloxamentos hoteleiros. Fontes do Clúster de Turismo da Galiza sinalan a Nós Diario que hai un cambio de tendencia nas reservas entre o 15 de xullo e o 15 de setembro. 

O cambio normativo, daquela, non produciu un efecto inmediato e constata que a xente "busca primeiro a seguridade sanitaria". 

Neste sentido, o sector cre que "as previsións sobre vacinas son determinantes para volver viaxar". A previsión, insisten esta fontes, é "moi positiva sempre e cando se manteñan as pautas de vacinacións" e anima a "non baixar a garda estes días".

Comentarios