Descende o paro rexistrado en Galiza mais a menor ritmo que no estado

O número de persoas anotadas no desempregou baixou en 1.868 no mes de marzo, 0,88%. A nivel de estado, o desemprego descendeu 1,3%.

O número de persoas desempregadas rexistradas baixou no mes de marzo en Galiza en 1.868, o que supón un descenso do paro do 0,88% a respecto de febreiro. Nese mesmo intervalo, o descenso no estado español foi de 1,3% (48.559 persoas), catro décimas máis que en Galiza. Volve repetirse un mes máis, pois, a tendencia dun menor ritmo de baixada do desemprego no noso país que no estado. Se a comparación a facemos a nivel interanual, isto é comparar o paro de marzo co do mesmo mes do ano anterior, comprobamos que tamén se da esa fenda, se ben en menor nivel.

Así, en marzo de 2017 hai en Galiza 210.056 persoas rexistradas no paro. Son 21.741 menos das que había en marzo de 2016 na mesma situación. O descenso nestes doce meses foi do 9,38% mentres que no estado foi dúas décimas superior, 9,58 por cento. E non debemos perder de vista que se ben nestes doce meses o desemprego rexistrado descendeu en 21.741 persoas, o número de altas na Seguridade Social nese mesmo período foi de 18.585. Máis de 3.000 persoas desaparecen do paro mais non por conquerir un emprego: emigración, desistir,...  Galiza é, de feito, un dos territorios do estado onde menos descendeu o paro rexistrado neste mes Só Canarias, Valencia e Euskadi presentan peores rexistros.

No que atinxe á afiliación á Seguridade Social, continuamos por baixo do millón de afiliados que había antes da crise. En marzo hai 959.133 persoas inscritas na Seguridade Social, das que 214.373 son do réxime de autónomos. A afiliación aumentou a respecto de febreiro en 0,58% (no estado fíxoo 0,91%) e nos últimos 12 meses en 1,98% (no estado, subiu 3,49%).

En marzo formalizáronse en Galiza 77.353 contratos, o que supón un 24% máis que no mes anterior. De novo, a baixada do paro vén da man dun aumento importante dos contratos, o que indica a temporalidade e precariedade que se estenden no mercado laboral galego. 

Comentarios