Segundo día de folga nos Paradores galegos perante a ameaza do ERE

A decisión de Paradores de Turismo de realizar un ERE, pechar dous establecementos e reducir o funcionamento doutros no país causa alarma no cadro de persoal e os municipios afectados. Feijóo asegura que non ten comunicación da medida e o BNG pide explicacións no Congreso mentres @s traballador@s convocaron dous días de folga.
Parador de Baiona (Foto:Nós Diario).
photo_camera Parador de Baiona

Paradores de Turismo presentou hai uns día un expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta a toda a rede de establecementos hostaleiros que ten na Galiza. Dous peches totais, en Ferrol e Verín, catro temporais, en Tui Santo Estevo, Monforte e Vilalba, terán graves consecuencias para o seu cadro de persoal. A proposta desta empresa pública é deixar na rúa a 85 traballador@s (na actualidade conta con 427) e modificar os contratos dunha parte importante que deixarían de ser fixos e pasarían a ser fixos discontínuos. As condicións económicas dos despidos sería a mínima establecida despois da última reforma do PP: vinte días por ano traballado.

Esta unha das primeiras medidas que toma a lucense Ángeles Alarcó, presidenta de Paradores, desde que en febreiro deste ano foi elixida para o cargo. Alarcó chegou a Paradores despois dunha rápida carreira en turismo na Comunidade de Madrid a carón de Esperanza Aguirre. Na súas primeiras declaracións en público negaba calquera intención privatizadora polo "bo momento" desta empresa pública.

Esta unha das primeiras medidas que toma a lucense Ángeles Alarcó, presidenta de Paradores, desde que en febreiro deste ano foi elixida para o cargo

Feijóo sen comunicación oficial

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou ao remate do consello de goberno desta semana que non tiña "comunicación oficial de ningún peche". Aclarou que sabe que "hai conversas de negociación" mais que non lle consta que Galiza quede con dous paradores menos. Por este motivo non esta na súa axenda manter reunións sobre este tema aínda que adiantou que "o custe deses establecementos ten que ser coas aportacións dos clientes, non co dos cidadáns".

Outros gobernos autonómicos xa estableceron unha axenda de contactos coa presidenta de Paradores de Turismo para negociar unha saída a este conflicto. É o caso da conselleira de Cultura e Turismo de Castilla y León, Alicia García, que se reunirá a vindeira sexta feira, 14 de decembro, con Ángeles Alarcó.

O BNG cuestiona o Plan

Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, cuestionou o Plan de Reestructuración do Goberno e exixiu que a presidenta de Paradores de Turismo, Ángeles Alarcó e o goberno español explicaran as razóns que tivo para actuar contra estas instalacións en Galiza. “Temos que preguntarnos se a Presidencia de Paradores aprobou o levou a cabo algún Plan de mellora da ocupación que comprendese ofertas atractivas para a clientela a un custe asumíbel en tempos de grave crise económica". A deputada nacionalista cre que a única acción que realizaron é a de propoñer recortes sen pensan noutras medidadas que poderían manter os postos de traballo.

Entre as preguntas que presentou Rosana Pérez á mesa do Congreso dirixidas ao goberno español, ademais de saber se manterá reunións con municipios afectados, figuran as que demandan as razóns polas que paradores galegos como o de Ferrol e Verín teñen que pechar cando hai outros en diferentes zonas do Estado que co mesma porcentaxe de perdas continúan abertos. Tamén require ao executivo de Rajoy para que diga se reconsiderará a súa decisión e negociará c@s traballador@s. Por último a deputada nacionalista

O comité de empresa de Paradores de Turismo en Galiza convocou dúas xornadas de folga en protesta polo ERE

Folga nos Paradores galegos

O comité de empresa de Paradores de Turismo en Galiza convocou dúas xornadas de folga en protesta polo ERE. Esta mesma mañá houbo concentracións diante dos establecementos, recollida de sinaturas e o apoio cidadán e de todas as formacións políticas, a excepción do PP, nos municipios que verán pechado o reducido o servizo hostaleiro desta empresa pública. Algúns cadros de persoal xa solicitaron o apoio das corporacións municipais dos concellos afectados. O seguimento da folga é diferente segundo cada establecemento e os sindicatos, polo de agora, non aportaron cifras concretas. Tamén haberá paros os días 24, 25 e 31 de decembro, e o 1 de xaneiro.

Solidariedade c@s traballador@s do Hostal dos Reis Católicos

Un dos emblemas de Paradores en Galiza, o Hostal dos Reis Católicos, é un dos afectados nos recortes previstos desde Madrid. A anunciada reducción dun 20% do seu cadro de persoal resulta "incomprensíbel" para o grupo nacionalista da capital. "Os datos do Hostal reflicten que é un dos máis rendíbeis do Estado e goza de gran prestixio a nivel internacional”, indicou Rafa Vilar do BNG de Compostela. O concelleiro nacionalista pensa que ten que haber "alternativas" antes de tomar estas medidas tan drásticas e denuncia que tras esta decisión pode estar unha "posíbel privatización da empresa pública de Paradores, moi apetecíbel para o sector privado".

A decisión da presidenta de Paradores de Turismo sorprende na capital posto que nunha visita que realizou no pasado mes de setembro asegurou que o establecemento da Praza do Obradoiro era "o que máis crecera no Estado no que levamos de ano". Daquela aportaba o dato de aumento na súa ocupación do 3,5 por cento con respecto ao mesmo período de 2011, cun importante crecemento de visitantes doutros países de Europa e América.

Comentarios