Vivenda

No primeiro trimestre de 2022 rexistráronse 191 execucións hipotecarias na Galiza

A cifra apenas descende en dúas, mentres o número de lanzamentos practicados tamén ficou perto do dato de 2021: 447 fronte a 465.
Tribunal Superior de Xustiza da Galiza #tsxg (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). (Foto: Nós Diario)

O número de lanzamentos practicados na Galiza no primeiro trimestre de 2022, segundo vén de informar o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) nun comunicado, experimentou un descenso de 3,9% en comparanza co mesmo período do ano anterior.

Deste modo, pasaron de 465 a 447, dos cales 84 foron consecuencia de execucións hipotecarias (22 menos), mentres outros 351 deriváronse da Lei de Arrendamentos Urbanos e os doce restantes foron por mor "doutras causas", segundo reflicte o informe 'Efectos da crise económica nos órganos xudiciais', publicado esta segunda feira.

As execucións hipotecarias iniciadas na Galiza entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2022 practicamente non mudaron a respecto do mesmo período de 2021. Así, nos tres primeiros meses deste ano presentáronse 191 procedementos para exixir o pagamento das débedas garantidas por prenda ou hipoteca ao acredor; o ano anterior, 189.

No conxunto do Estado español presentáronse 6.410, o que supón un descenso de 12% en comparanza co primeiro trimestre do ano precedente, ao tempo que os lanzamentos executados, pola contra, aumentaron en 1%.

No que atinxe ás demandas por ocupación ilegal, neste período rexistráronse nos xulgados galegos un total de 29, fronte ás once dos tres primeiros meses de 2021. Na Galiza contabilizáronse, en consecuencia, 1,1 demandas deste tipo por cada 100.000 habitantes, mentres a media estatal ficou por riba, cun dato de 1,6.

Sociedades mercantís

Segundo esta mesma estatística, no primeiro trimestre do presente ano formuláronse 102 concursos de acredores, isto é, unha repunta de 3% a respecto de 2021.

Aliás, na Galiza contabilizáronse neste período oito expedientes de sociedades acollidas ao artigo 64 da Lei Concursal, dúas menos que as presentadas nos primeiros meses do pasado exercicio.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios