A fin da tempada turística do verán impulsa a "desaceleración" do crecemento económico

Os "síntomas de fatiga" tamén se evidencian nas cifras de negocios doutros sectores.
As cafetarías compostelás rexistran o cheo absoluto por mor do turismo. (Foto: Arxina)
photo_camera As cafetarías compostelás rexistraron o cheo absoluto por mor do turismo durante os meses de verán. (Foto: Arxina)

O indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica da Galiza rexistrou o pasado setembro un incremento de 2,2% sobre o mesmo mes de 2021, o que demostra a "desaceleración" dun crecemento que era sostido desde o mes de maio.

Segundo o último estudo do Foro Económico da Galiza, ese 2,2% rexistrado en setembro pasado supón unha redución dun punto en comparanza co mes de agosto, cando o aumento fora de 3,2%.

Estes datos supoñen "un novo punto de inflexión" desde maio, cando a actividade económica galega comezara a experimentar un claro ascenso. De feito, en xuño o indicador medraba 2,5%; en xullo, 3%, e en agosto, 3,2%.

O principal motivo para este cambio de tendencia, explican desde o Foro Económico, é a combinación do fin da tempada turística estival e os "síntomas de fatiga" que se reflicten nos índices de cifra de negocios doutros sectores, especialmente o industrial.

Outro factor é a prolongación das incertezas no panorama internacional, que afectan a confianza das persoas consumidoras polas súas consecuencias directas na alza de prezos nas materias primas e a crise enerxética.

No que atinxe á evolución individual das variábeis do indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica, destaca o comportamento das importacións, cun crecemento interanual en setembro superior a 30%.

No lado oposto sitúase o índice de produción industrial, cun retroceso que comezou xa no mes de maio e que rexistra agora unha caída próxima a 20% en termos interanuais.

Comentarios