A caída do First Republic Bank aviva o fantasma dunha nova crise financeira

A entidade norteamericana acumula perdas de 94% no que vai de ano.
A intervención do Silicon Valley Bank desencadeou as turbulencias financeiras do pasado mes de marzo (Foto: Li Jianguo / Xinhua News / Contacto Photo).
photo_camera A intervención do Silicon Valley Bank desencadeou as turbulencias financeiras do pasado mes de marzo (Foto: Li Jianguo / Xinhua News / Contacto Photo).

As accións de First Republic Bank caeron 16% na sesión desta cuarta feira, despois de que a cotización do banco se afundise na xornada previa por riba de 49% ante a incerteza sobre a futura viabilidade da entidade.

Esta situación deuse despois do anuncio da entidade de que que sufrira, no primeiro trimestre do ano, retiradas nos seus depósitos por máis de 100.000 millóns de dólares, o que supón cerca de 58%.

Desta maneira, no que vai de ano 2023, a cotización do banco, un dos máis afectados durante as turbulencias financeiras que sacudiron o mercado durante o pasado mes de marzo, acumula un derrubamento de 94%.

"A actividade de depósitos comezou a estabilizarse a partir da semana do 27 de marzo de 2023 e mantívose así até o 21 de abril de 2023", asegurou a entidade, que até esa data contabilizaba depósitos por importe de 102.700 millóns de dólares (92.893 millóns de euros), só 1,7% menos que a 31 de marzo.

Así mesmo, na presentación das súas contas, a entidade financeira anunciou que, como resultado dos recentes acontecementos, "está a tomar accións para fortalecer o seu negocio e reestruturar o seu balance". 

Por outra parte, o banco con sede nos Estados Unidos de América (EUA) tamén dixo estar a tomar medidas para reducir os seus gastos, incluídas reducións significativas na compensación de cargos executivos. 

Por outra parte, o banco adiantou a condensación das súas oficinas corporativas, ademais de anunciar que reducirá o seu cadro de persoal (composto de 7.200 traballadores e traballadoras) entre 20% e 25% no segundo trimestre.

Desta forma, a situación de First Republic Bank, que mantén conversas para unha eventual venda de accións con posíbeis compradores, aviva o fantasma dunha nova crise financeira.

Comentarios