venres 28/01/22

As deputacións piden para a hostalaría 1% de orzamento e "máis transparencia"

A xuntanza realizada esta segunda feira pola tarde, convocada polo Cluster de Turismo, entre Xunta da Galiza, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as catro deputacións, rematou sen acordo. As partes quedaron emprazadas para esta cuarta feira co obxectivo de acadar un consenso para o futuro plan de rescate para a hostalaría galega.
O vicepresidente e responsábel de Turismo da Deputación da Coruña, Xose Regueira, intervindo na xuntanza sobre a hostalaría (Deputación da Coruña)
O vicepresidente e responsábel de Turismo da Deputación da Coruña, Xose Regueira, intervindo na xuntanza sobre a hostalaría (Foto: Deputación da Coruña)

Horas despois do anuncio por parte do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, do fechamento de toda a hostalaría durante tres semanas, reuníanse en Compostela a Administración galega coas deputacións e a Fegamp a petición do Cluster de Turismo coa intención de negociar a proposta da Xunta de estabelecer un fondo común para rescatar este sector e o turimo galego.

Desde as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo (as tres con gobernos de PSOE e BNG) reclamaron, antes de comezar, que o plan conxunto proposto pola Xunta no que tamén entrarían os concellos para axudar á hostalaría e o turismo ante a crise da pandemia, conte cun 1% dos orzamentos de cada unha destas administracións. Esta porcentaxe fora reivindicada pola a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a pasada sexta feira. 

Diferenza entre Xunta e Deputacións

Se a proposta de Feixoo era achegar 50 millóns para a hostalaría, desde as deputacións a suma é sensibelmente superior. Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, calcula que serían 140 millóns de euros os que se poderían destinar a salvar a "situación de desesperación" destes negocios.

Nunha rolda de prensa após reunirse coa hostalaría, indicaba que había que evitar evitar "protagonismos políticos". Desde a Deputación de Pontevedra, o deputado Carlos López Font instou á Xunta para que explique que “recursos propios” empregará, máis alá dos “fondos europeos a través do React-UE".

Mentres, a Deputación de Lugo tamén solidarizábase cun "fondo común de rescate" en que Xunta, deputacións e "grandes concellos" destinen 1% dos seus orzamentos deste ano. "Estamos dispostos a seguir colaborando para apoiar un sector do que dependen 66.000 empregos e que representa o 4,5 do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza cunha fórmula proporcional e xusta", subliñou o seu presidente José Tomé

O esforzo das Administracións locais

Alberto Varela, presidente da Fegamp, lembrou que os concellos galegos "levamos meses con axudas á hostalaría así como tamén o fixeron as deputacións". A reunión, segundo Varela, centrouse en ver como se organizan estas axudas, "se cada unha como até agora ou se exploramos un plan único, en que porcentaxes e como se vai a xestionar".

Recoñece que lle gustaría que "o plan Valencia se chamara plan Galiza" e botou en falta que non se reuniran antes. Asegura que “as Administracións locais son as que levan facendo máis esforzo” neste tempo "con axudas directas" e reducindo "a paga de taxas e impostos" e "todo sen recibir un só euro". 

Axudas "insuficientes" para o ocio nocturno

Un dos ramos máis afectados dentro da hostalaría é o do lecer nocturno, fechado desde marzo. O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta segunda feira a resolución da orde de axudas por 755.000 euros para 244 locais de lecer nocturno que non dispoñan terrazas. A contía das axudas varía en función do importe mensual do alugueiro, con 20.000 euros como máximo por solicitude no tramo máis elevado.

O texto especifica que as persoas demandantes beneficiarios deben ter contrato de alugueiro en vigor desde este mes e vixentes durante un ano desde que a situación sanitaria permita a reapertura do sector, ademais de acreditar a continuidade da actividade durante ese período. 

Samuel Pousada, presidente da Federación de Asociacións de Empresarios de Salas de Festa e Discotecas da Galiza, "agradece as axudas" mais considera que son "insuficientes e para moitas empresas non chega nin para pagar dous meses de alugueiro". En declaracións a Nós Diario, asegura que entre 70% e 80% deste tipo de estabelecementos "desaparecerá" se non hai axudas directas máis contundentes "tamén por parte do Goberno español".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

As deputacións piden para a hostalaría 1% de orzamento e "máis transparencia"
comentarios