A dependencia financeira dos concellos acoutará os investimentos na crise da COVID-19

Un estudo realizado polo Observatorio Municipal Galego da Rede Localis asegura que os municipios galegos poderán ter problemas nesta fase de desconfinamento se non se actúa a nivel fiscal. Alertan da súa excesiva dependencia das administracións galega e española.  
Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e Concepción Campos, codirectora de Rede Localis.
photo_camera Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e Concepción Campos, codirectora de Rede Localis.

“A lexislación dos concellos é dos anos 70”, explica a Nós Diario Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, "sempre foron os grandes esquecidos a nivel fiscal e urxe descentralizar os impostos", engade. Esta afirmación forma parte dunha das conclusións dun estudo publicado polo Observatorio Municipal Galego da Rede Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo.

Os datos deste traballo, no que participa tamén Concepción Campos, codirectora de Rede Localis, advirten que a caída do Produto Interior Bruto (PIB), o aumento do déficit público e a baixada da recadación, tanto a nivel estatal como galego, suporán, con toda probabilidade, un recorte das transferencias que viñan recibindo os Gobernos locais do resto de Administracións públicas, así como da súa participación nos tributos.

Por este motivo os concellos van ter que realizar un esforzo adicional para atender as importantes necesidades económicas que xa está a xerar a COVID-19 sobre a cidadanía. Algunhas, como a prestación de servizos sociais, son especialmente sensíbeis e necesarias. Con datos de 2017 os concellos galegos cunha poboación de menos de 5.000 residentes recibiron de media por habitante 523 euros, fronte aos 272 euros dos concellos de máis de 50.000 habitantes. 

A achega galega aos municipios é maior que a estatal

O estudo presentado pola Rede Localis sinala que, tomando como referencia o ano 2017, as transferencias correntes aos municipios galegos son maiores por parte da Xunta da Galiza (29,3%) que do Estado español (22,3%). Tamén apuntan no mesmo traballo que a achega da Administración Xeral do Estado é case dous puntos porcentuais menor na Galiza (62,0 %) con respecto á totalidade de concellos a nivel estatal (63,9 %). 

Marxe de mellora

Segundo o estudo, aínda que a dependencia dos municipios galegos dos ingresos doutras Administracións públicas segue sendo elevada, nos últimos anos valorizan a súa capacidade tributaria. Hai "certa marxe de mellora para aumentar a capacidade fiscal dos concellos galegos", unha recomendación que, segundo Alberto Vaquero, "evitaría a aínda alta dependencia das transferencias correntes e de capital dos nosos concellos da Administración Xeral do Estado". 

De media, indícase no estudo, os concellos galegos obteñen entre 42% e 55% dos seus ingresos a través de transferencias (correntes e de capital). Ademais, tal e como explica Vaquero, "moitas das transferencias que se realizan aos concellos están condicionadas". Un exemplo sería cando sinalan que son para facer un parque público ou unha piscina. "Implica que os concellos están limitados a gastar os cartos onde digan o resto de Administracións", relata.

Modificación fiscal urxente

"Os concellos teñen cinco impostos e moitas taxas nas que a capacidade fiscal é moi pequena", explica Vaquero, polo que "aínda que quixesen actuar, teñen pouca marxe", engade. Explica a Nós Diario que se centralizaron moito os impostos nos últimos anos. Pon como exemplo a compartimentación do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), ou o Imposto de Patrimonio. "Non hai unha aposta clara e faltan recursos propios", conclúe. Até o momento di que "faltou vontade política", mais agora "tributos como o Imposto sobre Bens Inmóbeis  (IBI) ou o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) teñen que modificarse xa canto antes".

Comentarios