Análise

Dependencia enerxética e xeración eléctrica

Colectivo Bidán, Quico da Silva e Fernando Branco
Encoro do Eume, nos municipios da Capela, As Pontes e Monfero (Eume). (Foto: Nós Diario).
photo_camera Encoro do Eume, nos municipios da Capela, As Pontes e Monfero (Eume). (Foto: Nós Diario).

É habitual a confusión entre enerxía e electricidade, tamén entre a xente do sector, o que provoca contradicións e equívocos. Por iso o mellor é a claridade: Galiza é deficitaria en enerxía, como sucede na maior parte dos países da UE, mais tamén é excedentaria en electricidade.

Segundo os datos oficiais, Galiza exporta electricidade ano tras ano, 42% en 2023, mesmo a xeración con fontes renovábeis é superior, en cómputo anual, ao consumo interno galego; ademais, no que vai de 2024, a hidráulica e a eólica teñen xerado 88 unidades eléctricas de cada 100, aportando a primeira máis de 60%.

Máis renovábeis

A loita contra o cambio climático e, sobre todo, a busca dunha menor dependencia enerxética, xustifican o proceso de transformación que pretende, precisamente, a substitución de combustíbeis fósiles –con carbono– por fontes de xeración renovábeis. Descarbonizar o transporte e o sistema produtivo, que son os responsábeis da nosa dependencia enerxética, non é só electrificar, pero si vai ser a solución maioritaria, complementada nas actividades e sectores de difícil electrificación con outras alternativas, algunhas tamén con necesidades eléctricas, caso do hidróxeno e dos seus derivados.

Por iso, de avanzar nas pretensións da transición enerxética, nalgún momento a electricidade empezará a substituír o consumo de combustíbeis fósiles; mais o certo é que, agora mesmo, de existir esa substitución, os datos coñecidos non recollen modificacións substanciais.

Cumprir a pretendida transición enerxética supón un reto descomunal, con cambios severos no modelo de vida que coñecemos

Máis aínda, Galiza tivo a maior baixada de consumo eléctrico de todo o Estado, con moita diferenza: a respecto da media do período 2011-2020, o seu consumo en 2023 baixou un 32%, dato espectacular que non se explica só coa paralización de industrias electrointensivas e, en menor grao, co autoconsumo e coa eficiencia, senón que precisa tamén dun menor consumo industrial e doméstico. Polo tanto, os obxectivos da transición enerxética están estancados, e mentres sexa así, máis eólicos só sería máis exportación eléctrica.

Para o Colectivo Bidán, ademais de desestacionalizar a xeración, vai ser necesario instalar máis renovábeis. Pero o problema na Galiza agora mesmo non é ese; non estamos a descarbonizar á velocidade precisa, xa que, como comentamos en artigos anteriores, cumprir a pretendida transición enerxética supón un reto descomunal, con cambios tamén severos no modelo de vida que coñecemos, o que, aínda que non se comente o necesario, aumentará as desigualdades e provocará rexeitamento e resposta social. Lembremos que "a electricidade é a enerxía dos ricos".

Entón, que sentido ten o boom de eólicos na Galiza, avalado por toda unha serie de alianzas nos que sempre coinciden as patronais do sector, sindicatos e partidos estatais? Pois a resposta está no vento, no seu potencial inesgotábel, nunhas terras e propiedades desvalorizadas de xeito previo, na facilidade de acceso cun custo mínimo e mediante unha autorización administrativa que, a diferenza das concesións, non ten límite temporal. Eis a urxencia das empresas, das grandes, en asentarse nos mellores sitios de xeración eléctrica para ter unha posición tomada cando, efectivamente, avance a transición enerxética.

Consumos de proximidade

Na patronal do sector eléctrico estatal –a das grandes– existe unha enorme preocupación pola cada vez maior capacidade organizativa e de actuación social e legal, tanto da propiedade dos terreos afectados como de moitos colectivos ambientalistas, cunha resposta moito máis potente comparada coa dos anos 90 do século XX.

Mais tamén é porque son quen de ler o cambio de paradigma sobre o sector enerxético no seu conxunto, da idea estendida de que debe ser público, por tratarse dunha actividade estratéxica que non pode quedar en mans privadas e, aínda menos, baixo o criterio de empresas públicas doutros estados, unha variante da dependencia actual.

Por iso a súa urxencia en instalarse co marco xurídico xa favorábel aos seus intereses que, como no caso galego moi especificamente, modifícase se é preciso ao seu favor as veces que sexan necesarias, sen consideración algunha das consecuencias e necesidades sociais.

O problema actual da transición, de termos unha menor dependencia enerxética e impacto climático –xa moi limitado de seu–, é que coxea na electrificación. De futuro precisaremos máis renovábeis, pero fagámolo dende unha Empresa Pública Galega de Enerxía, con tarifas diferenciadas e menores nas comunidades excedentarias, con consumos de proximidade e con medidas políticas complementarias que eviten o incremento das desigualdades sociais.
 

Comentarios