Denuncian que a Xunta deixou sen executar 56 millóns de fondos europeos para a agricultura

O SLG fala dunha “perda de cartos inxustificábel”.

mazás agro

Galiza perdeu perto de 56 millóns de euros de fondos europeos que se deixaron sen gastar correspondentes ao Plan de desenvolvemento rural (PDR) 2007-2013. É a denuncia que fai o Sindicato Labrego Galego (SLG) e que eleva esta cifra a 74 millóns de eiuros se a eses fondos de Bruxelas se lles engaden os que terían que achegar a administración galega e estatal. Unha perda de cartos “inxustificábel” e máxime nunha época de crise, denuncian desde este sindicato.

Lembran que a Consellaría de Medio Rural tiña un prazo adicional de dous anos para executar estes fondos. O PDR contaba para Galiza cunha achega de 888.801.564 euros do Feader (Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural). E a Xunta só executou o 93%, deixando sen executar 55.947.000 euros. “Desta maneira, Galiza está entre as seis comunidades do Estado que non chegan á media de execución do PDR, xunto a Madrid, Andalucía, Estremadura, Baleares e Valencia”, asegura o SLG.

Estamos, aponta esta organización,perante unha perda de cartos “inxustificábel no contexto de crise actual no agro, xa que estes cartos empréganse en catro eixes fundamentais para o medio rural: modernización de explotacións, incorporación de mozos e mozas ás actividades agrogandeiras, ordenación do territorio e melloras na produtividade da industria agroalimentaria e forestal”.

Comentarios