Denuncian o veto ás candidaturas da Fruga nas eleccións aos Consellos Reguladores

A Xunta Electoral impide que se presenten as listaxes da Federación Rural Galega en tres consellos reguladores e noutros proclamou as candidaturas da Fruga como independentes
Asemblea da Fruga
photo_camera Asemblea da Fruga

 A Xunta Electoral vén de facer hai uns días a proclamación definitiva das candidaturas aos consellos reguladores das Denominación de Orixe e Identificacións Xeográficas Protexidas (IGP) do sector agroalimentario da Galiza, distintivos aos que se acollen 17 produtos no noso País. Nunha polémica decisión, este organismo decidiu impedir as candidaturas presentadas pola Federación Rural Galega a ‘Tenreira Galega’, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega) e ‘Pataca de Galicia’. Alén diso, a Xunta Electoral proclamou o resto de listaxes da Fruga aos restantes consellos reguladores, mais fíxoo “ben como se fosen independentes ben como asociacións profesionais, sen responder a ningún criterio lóxico”, segundo denunciou Manuel Da Cal, coordenador xeral do sindicato, nun artigo que vén de ser recollido por Terra e Tempo.

A Federación Rural Galega presentou candidaturas en Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras e as mencionadas Tenreira Galega, Pataca de Galicia e Craega. Desde Fruga lémbrase que “como federación na que se inclúen distintas asociacións profesionais dos diversos subsectores da actividade agraria, e como organización constituida para a defensa dos sectores produtivos agrarios galegos”, presentou as súas candidaturas a estes consellos reguladores “en prazo e forma”.

No escrito, Da Cal argumenta que no caso de ‘Tenreira galega’, a Xunta Electoral mantivo a mesma liña que o pleno do Consello Regulador para non proclamar a candidatura da Federación, baseándose nunhas motivacións “que non se axustan aos criterios que inspiran a lexislación electoral xeral”-

 No que atinxe ao Craega, “sorprende que a candidatura da Fruga non se lle permita substituír @s candidat@s incluídos por erro” mentres que na de Xóvenes Agricultores ao consello de Monterrei a Xunta Electoral lles permita substituír “a tres candidat@s que inicialmente figuraban na lista proclamada polo pleno do Consello Regulador por outr@s que non se corresponden cos inicialmente proclamados”.

“Prívase ás e aos titulares de máis de 7.000 explotacións inscritas de dous dereitos fundamentais en democracia: o dereito a participaren no debate de propostas e alternativas; e o de exerceren o seu lexítimo dereito a voto”

No entanto, para Da Cal o caso máis rechamante é o de ‘Pataca de Galicia’, onde a candidatura da Fruga foi proclamada polo seu Consello Regulador (tanto na primeira xuntanza como nunha segunda onde a listaxe da Federación foi ratificada fronte ás alegacións do Sindicato Labrego Galego-Coaga). Mais, paradoxalmente, a candidatura da Fruga foi botada para atrás pola Xunta Electoral “sen ningún motivo aparente”.

Privar de dereitos a 7.000 titulares

Para Da Cal, todas estas artimañas constitúen un “veto en toda regra” á Fruga, quer por impedir a presentación de candidaturas a algúns consellos reguladores quer por impor a Xunta Electoral que outras listaxes da Federación deban concorrer co engadido de “independentes”.

O coordinador xeral da Federación Rural Galega afirma no mencionado artigo que este tipo de decisións supón “privar @s titulares de máis de 7.000 explotacións inscritas de dous dereitos fundamentais en democracia: o dereito a participaren no debate de propostas e alternativas; e o de exerceren o seu lexítimo dereito a voto”.

Mais Da Cal ten claro que este escenario pode ser posíbel se o resto de candidaturas (SLG-COAG, UUAA e XXAA) chegaren a un acordo para se repartiren os postos “sen necesidade de realizaren as eleccións, nos consellos reguladores onde se vetaron as candidaturas da Fruga, posibilidade que se recolle no artigo 8 da Orde que regula a propia convocatoria de eleccións”

Comentarios