Denuncian que varios concellos prohiben realizar mercados de alimentos labregos

O Sindicato Labrego Galego (SLG) amosou a súa contariedade pola decisión dalgúns municipios de suspender os mercados tradicionais. Aseguran que hai "máis posibilidades de contaxios nos supermercados".
Mercado de produtos labregos (Cedida)
photo_camera Mercado de produtos labregos (Foto: Cedida)

Algúns concellos galegos decretaron na última semana o feche dos seus mercados tradicionais de alimentos, segundo denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG). Aseguran nun comunicado que municipios como Melide ou Cambre contribuirán "a incrementar os contaxios" por non permitir esta actividade "no aire libre" e forzar que se realice "en recintos fechados como supermercados" onde "é imposíbel controlar a manipulación dos produtos os andeis".

Ademais, alertan de que se incrementará o número de persoas neses estabelecementos polo que haberá "máis riscos de contaxio por aglomeración".

Atrancos para a venda directa de produtos

Dende o SLG aseguran que non entenden "a fixación dalgúns gobernos municipais por entorpecer e prohibir a venda directa de alimentos cando, ademais, se trata de produtos de primeira necesidade cuxa circulación está protexida polas autoridades comunitarias e estatais en tempos de crise".

Apuntan que "nin sequera existe unha orde oficial, nin do Goberno español nin da Xunta, que obrigue a fechar estes mercados de alimentos".

Esta organización agraria indica que "se a lóxica é a de reducir a incidencia de contaxio, daquela deberían fechar os supermercados, pois o perigo de contaxio é maior neles".

Ademais, sinalan que "os mercados labregos venden produtos de cercanía, favorecendo o desenvolvemento económico local e, especialmente, o rural".

Dende o SLG estudan a posibilidade de organizar "accións de protesta e de desobediencia civil" co obxectivo de "denunciar unha prohibición que non se pode xustificar desde ningún punto de vista". Da mesma maneira os seus servizos xurídicos estudan "a elaboración dunha demanda legal polos riscos sanitarios que supoñen estas prohibicións e por impedir o desenvolvemento da actividade".

Comentarios