Denuncian Surexport por traer a Galiza o modelo laboral da agroindustria española

A produción en intensivo de froitos vermellos na Galiza por parte de Surexport está a provocar un forte rexeitamento social polo impacto destas prácticas agroindustriais no territorio e polo emprego de man de obra estranxeira, que en moitos dos casos  traballa cunhas condicións laborais precarias.
Varias entidades iniciaron onte unha campaña a pé de rúa para denunciar as prácticas de Surexport (Foto: SLG).
photo_camera Varias entidades iniciaron esta cuarta feira unha campaña a pé de rúa para denunciar as prácticas de Surexport (Foto: SLG).

A industria intensiva está a gañar protagonismo no agro galego. Primeiro foron as explotacións de vacún e porcinas, e agora o modelo agroindustrial tamén se quere estabelecer na horta galega.

Surexport, unha firma de Huelva que ten entre os seus principais compradores a firmas de distribución como Mercadona ou Tesco ─a británica é a terceira cadea a nivel mundial─, vén de fixar na Galiza varios centros de produción nos que replica o modelo de produción intensiva do sur do Estado español, onde os invernadoiros son visíbeis até desde o espazo exterior. 

De momento, a firma conta cunha finca de 72 hectáreas en Begonte, cedida pola comunidade de montes de Pacios, na que producen arandos, un froito que cada vez ten máis presenza no país, e outro terreo en Cospeito, onde a humidade do terreo fai que sexa máis adecuado para a produción de amorodos, framboesas e amoras. 

Porén, a produción de berries, voz inglesa coa que se denominan estes froitos vermellos, non é precisamente de cor de rosa.

Diversas organizacións ─Adega, Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga, CIG, CCOO, CUT, CS Madia Leva!, Ecoloxistas en Acción, Federación Rural Galega (Fruga), Sindicato Labrego Galego (SLG), activistas da loita contra a megaminaría, movementos sociais, veciñanza da zona, ex traballadoras e veciñas e veciños da contorna onde se está a instalar esta agroindustria─ veñen de iniciar unha campaña a pé de rúa para denunciar as prácticas laborais que a empresa Surexport está a levar a cabo na Terra Chá.

Accións a pé de rúa

As mobilizacións comezaron esta cuarta feira en Castro de Rei, onde a compañía ten alugada unha nave loxística de 2.000 metros cadrados desde onde saen cara a outros lugares do mundo 80% dos froitos recollidos na Galiza. 

Pola mañá, as organizacións convocantes repartiron pasquíns informativos no mercado de Castro de Lea. Posteriormente, levaron a cabo unha concentración diante da sede da empresa na que deron conta dunha denuncia rexistrada onte ante a Subdelegación do Goberno en Lugo para instar a empresa "a pór fin de xeito inmediato á escravitude agroindustrial que a empresa onubense pretende instalar no noso país".

Esta medida súmase á posta en coñecemento da Consellaría de Emprego e Igualdade e da Consellería de Medio Rural da posíbel explotación laboral infrinxida por esta empresa, integrante dun potente conglomerado agroindustrial. 

Explotación laboral

Segundo relatan varias testemuñas, a empresa somete o seu cadro de persoal a presións constantes, dirixidas especialmente contra as persoas migrantes, ameazas de despedimento se non se recollen "cantidades desorbitadas de arando en xornadas de 12 horas", incumprimentos das condicións salariais ─as horas extra son pagadas a 6 euros en lugar de a 12 euros, como estipula a normativa laboral─, amoreamento de traballadoras e traballadores sen distancia de seguridade (medio cento estiveron confinadas por positivos de Covid), limitación do tempo de descanso remunerado a 15 minutos ao día ou a escaseza de auga, que dificulta ter unhas condicións hixiénico-sanitarias mínimas.

As prácticas nefastas desta empresa tamén se concretan na contaminación de augas e solos vinculada ao seu modelo de produción agroindustrial, sustentado no emprego de abundantes produtos químicos, así como no acaparamento de terras agrarias para expandir o seus monocultivos, realizando competencia desleal, provocando o abandono da actividade agraria e acelerando o despoboamento do rural, denuncian as organizacións.

Este modelo vai en contra da proposta de Bruxelas, que procura reducir as emisións de gases contaminantes á atmosfera incentivando a produción en ecolóxico, da que Galiza é referente na produción de berries─, e o consumo de produtos locais, xusto o contrario do que promove Surexport, un modelo intensivo, agresivo co medio e que fomenta comercialización da produción en países que se atopan a miles de quilómetros.

Comentarios