Denuncian que Zara recorta dereitos ás traballadoras en materia de conciliación

Esta medida, contemplada na reforma laboral, está prevista para as empresas que xustifiquen dificultades económicas. E Inditex gañou máis de 1.900 millóns de euros no último exercicio fiscal
Concentración de traballadoras de Zara
photo_camera Concentración de traballadoras de Zara

Traballadoras de Zara e representantes de CIG-Servizos concentrábanse diante da tenda da multinacional no centro de Compostela. Denuncian as consecuencias que ten a decisión da empresa de aplicar a reforma laboral para fixar horarios nuns casos e reducir xornadas, noutros, para a conciliación da vida laboral e familiar do seu persoal.

Carme Naveiro, representante da CIG no comité de empresa, lembra que Inditex, alén de presumir de ser unha das poucas empresas que permite a conciliación da vida laboral e familiar, incrementou os seus beneficios, no que vai de 2012, respecto do mesmo período do pasado ano.

Por iso considera inadmisíbel que, recorrendo á reforma laboral, a empresa decida modificar os horarios das súas traballadoras de forma unilateral, pasando por riba dos acordos acadados.

CIG-Servizos denuncia que este tipo de medidas contempladas na reforma laboral, están previstas para as empresas que xustifiquen dificultades económicas, “pero sabemos que no caso de Zara isto non é así”, asegura Naveiro, quen engade que Inditex, o que está facendo é “aproveitar a reforma para precarizar as condicións laborais do persoal e incrementar máis aínda os seus beneficios recortándonos dereitos”.

Comentarios