Denuncian que a Xunta “non fixo nada” aínda para evitar o peche de Alstom en Galiza

A filial eólica da empresa gala impulsa un ERE que suporía a desaparición de 70 postos de traballo no noso país, a pesar de obter un 10% máis de beneficios.

Prostesta sindical traballadores Alstom
photo_camera [Foto: CIG]

A compañía francesa Alstom -dedicada á enxeñería e ao transporte- impulsa un ERE na súa filial eólica que suporía o despedimento de 373 traballadoras e traballadores no conxunto do estado español. Destes arredor de 70 serán empregadas e empregados dos dous centros que o grupo ten en Galiza, xa que o expediente prevé o peche da planta de produción de compoñentes eólicas radicada nas Somozas, así como tamén da planta de almacenaxe que ten en Narón. Asemade, a pretensión da empresa é reducir de maneira substancial o número de traballadoras e traballadores distribuídos en diferentes puntos do noso país destinados ao mantemento de instalacións eólicas.

"O goberno galego non fixo ningunha xestión por este tema agás recibir ao alcalde das Somozas e a unha representación das e dos traballadores" denuncia a CIG

O pasado día 9 as e os traballadores secundaban unha convocatoria de folga de 24h e realizaron unha manifestación en Madrid. A protesta rematou diante do Ministerio de Industria para denunciaren a falta de implicación do goberno español. Aliás, desde a CIG denuncian tamén a falta de compromiso por parte da Xunta. “O goberno galego non fixo ningunha xestión por este tema agás recibir ao alcalde das Somozas e a unha representación das e dos traballadores”, lamenta Ramón Afonzo de CIG-Metal. Afonzo acrecentou a ese respecto que a presión que están a exercer outros gobernos autonómicos de Catalunya e Navarra, pola contra si estarían logrando reducir o impacto do ERE nas factorías deses territorios.

Apenas dous días antes da xornada de folga transcendían publicamente os resultados económicos da empresa que no ano pasado obtivo un 10% máis de beneficios, que totalizaron 802 millóns de euros, logo de aumentar tamén a súa cifra de negocios.  Este feito motivou que CCOO e UGT cadrasen en cuestionar a motivación real do ERE.

Comentarios