Denuncian "negación de auxilio" a un barco con tripulación galega con Covid-19 en Irlanda

A embarcación Manuel Laura, cunha tripulación na súa maior parte do Morrazo, foi expulsada de Irlanda ao detectarse unha persoa positiva por Covid-19.
photo_camera Barco Manuel Laura (Foto: Nós Diario)

O barco Manuel Laura, de capital galego, coa súa tripulación na súa maior parte do Morrazo e con bandeira británica, está de regreso ao porto de Vigo tras ser expulsado de Irlanda por un caso de Covid-19 positivo e outro probábel.

A central sindical CIG denunciou o que considera "denegación de auxilio" e o "incumprimento do regulamento sanitario internacional". Exixe, por estes motivos, que tanto a Xunta como a administración do Estado investiguen o acontecido e adopten "medidas contundentes contra Irlanda". 

Segundo explica o responsábel do sector de Mar da FGAMT-CIG, Xavier Aboi, a tripulación do Manuel Laura foi vacinada uns días antes de saír ao mar. "Polo que sabemos, estando en alta mar, en augas do Gran Sol, un tripulante comezou a sentir molestias.

Chamaron, como é preceptivo, ao Centro Radio Médico de Madrid e cando chegaron ao porto de Castletownbere, en Irlanda, tiveron que vivir unha auténtica odisea", sinala. Aboi asegura que sufriron "presións, ameazas veladas e suxerencias" e que as autoridades irlandesas dixéronlles que non había ambulancias dispoñíbeis nin taxis para estes casos.

Denuncia que se negaron a prestarlles asistencia médica agás unha enfermeira que subiu a bordo para facer unha PCR coa que se confirmou o positivo.

Finalmente o barco foi, segundo Aboi, obrigado a abandonar o porto e iniciou o regreso a Galiza "cando o regulamento sanitario internacional prohibe que un barco afectado por unha situación como esta, cun Covid positivo confirmado, poida saír do porto, todo o contrario do que fixo Irlanda". O representante do sector do Mar da CIG, diante desta circunstancia, exixe da Xunta e do Estado que abran unha investigación.

Aumenta a poxa en Burela

Esta circunstancia coincidiu co anuncio de  que a lonxa de Burela poxou durante todo o mes de xullo un total de 629 toneladas de bonito, case 130.000 quilos máis que o pasado ano 2020. O xerente de Armadores de Burela, Miguel Neira, lembrou que o inicio da "costeira do bonito" no mes de xuño foi "frouxo", aínda que agora remontou coas capturas de xullo e "isto é o que provoca que os números melloren".

No "acumulado" dos meses de xuño e xullo produciuse un incremento en máis de cen mil quilos, en concreto 103.000 quilos "máis poxados, co que os ingresos se incrementaron en 450.000 euros", calcula. Finalmente, Miguel Neira destacou que o prezo que se abona por quilo é de 4,10 euros "o que vén supoñer unha cifra moi parecida á do ano pasado".

Comentarios