Denuncian Lactalis perante o Ministerio por impor contratos á baixa a 1.200 gandeiros galegos

Unións Agrarias anuncia un 'boicote' contra a multinacional. Fruga advertiu hai uns días que a industria francesa impoñía contratos “abusivos” ás granxas galegas

tractor leite gandeiro

Unións Agrarias (UU.AA.) presentou denuncia esta sexta feira perante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, contra a multinacional francesa Lactalis pola "imposición" dun novo contrato con prezos á baixa para comprar leite a uns 1.200 gandeiros galegos. Unha denuncia que a Federación Rural Galega (Fruga) realizou a comezios desta semana, pedindo a Xunta e Estado que obriguasen a multinacional a retirar as condicións.

Óscar Pose, de UUAA, censurou que este novo contrato "racha todo o que estaba establecido" na lei de cadea alimentaria, xa que non é un acordo "negociado", senón que se presenta "sen tempo", pois tan só o fai "unha semana" antes, a pesar de haber dous meses de antelación.

A isto únese que Lactalis "vai un paso máis" alá coa "imposición" dun sistema de indexación "adulterado" o cal denuncia ante a AICA para que "se declare ilegal de forma inmediata" e se obrigue á empresa a que se use o prezo medio actual de Galicia (uns 27 céntimos) "mentres non haxa unha negociación real". O contrato entra en vigor a partir de o 1 de agosto, co cal o sindicato espera que a AICA tome medidas preventivas "de forma inmediata"

Perante esta situación "dramática" do sector gandeiro galego, na que "segue aumentando o diferencial" respecto aos custos de produción" e cun nivel de endebedamento que "chegou a un límite insostible", os produtores prevén "nas próximas semanas" iniciar unha campaña de boicot contra Lactalis.

A filial galega de Lactalis repercute anualmente máis de 2 millóns de euros en dividendos á compañía francesa. Produtos desta marca son Puleva, La Lechera ou President, entre outros. A multinacional foi multada por Competencia con case 12 millóns de euros por “prácticas-anticompetitivas”. Lactalis xa foro obxecto de protestos dos gandeiros galegos en novembro do ano pasado por manter os contratos á baixa. 

Comentarios