Denuncian discriminación de prezos nos produtos galegos de horta

Os “produtos reclamo” que empregan as grandes distribuidoras de alimentación para atraer clientela continúan a prexudicar as explotacións do agro galego. Unións Agrarias (UUAA) denuncia que produtos como a leituga ou a pataca están a venderse a prezos que marxinan as hortas do país ao introducirse grandes cantidades procedentes de Marrocos, Exipto ou do sur do Estado español.   
Reparto gratuíto de leituga por parte de Unións Agrarias na praza do Toural de Compostela para denunciar os seus baixos prezos (Riobó Prada)
photo_camera Reparto gratuíto de leituga por parte de Unións Agrarias na praza do Toural de Compostela para denunciar os seus baixos prezos (Riobó Prada)

As grandes distribuidoras de alimentación seguen a crear polémica pola guerra de prezos que remata por prexudicar as explotacións agrarias galegas. Nesta ocasión son os produtos da horta os que nos últimos quince días fixeron saltar as alarmas en moitas granxas. Por este motivo, Unións Agrarias (UUAA) realizou esta cuarta feira un acto de sensibilización en Compostela en protesta polo que consideran unha “imposición” de prezos baixos que reduciron considerabelmente as opcións para as e os agricultores. 

O responsábel de coordinación sectorial de UUAA, Félix Porto, sinala que este tipo de accións teñen o seu resultado e dúas das cadeas de alimentación, unha galega e outra valenciana, comezaron a reconducir a situación. “O custo de produción estivo en torno aos 20 céntimos por unidade e chegóuselles a pagar a 25 céntimos”, asegura. 

Importación de produtos que abaratan os prezos

Desde esta organización agraria demandan que haxa un etiquetado que diferencie de maneira clara os produtos galegos dos que veñen doutros países para que a consumidora ou o consumidor teña toda a información. 

Na Galiza, por exemplo, teñen constancia da presenza de leituga de Marrocos, Exipto, Bélxica ou do sur do Estado español.  “Non teñen nin os estándares de calidade nin os que están seguindo os agricultores deste país”, asegura Porto. Explica que para que o produto estea no lineal de distribución ten que erguerse ás 5 da mañá, corta as leitugas e lévaas á distribución, polo que cando se mercan “é un produto fresco que conta con todos os requisitos sanitarios marcados”.

Pola contra, apunta que “descoñecemos como entra ese produtos procedente doutros países”. Lembra que xusto antes da pandemia estaban a realizar unha campaña de prezos xustos, que se interrompeu pola situación sanitaria e a prioridade por parte do sector de ter moita produción e dar un servizo á poboación. 

“É curioso que a distribución aproveite esta situación para baixar os prezos”, relata Porto. Desde UUAA non entenden que isto mesmo aconteza con outros produtos galegos. “Non parece normal que a pataca francesa estea a 1,29 euros o quilo e a pataca galega, que conta con todos os estándares, estea a 0,59 euros o quilo”, denuncia este sindicalista. 

No caso da pataca, este problema xorde cando é a tempada da nova. “Temos constancia de moita produción de Exipto, de Andalucía e mesmo de Israel”, explica a Nós Diario Gabriel López, responsábel de produtos agrarios da Federación Rural Galega (Fruga), “mesmo vemos pataca vella francesa que se leva e véndese competindo coa nosa pataca nova sen selo”, engade. Nestes produtos de consumo masivo asegura que as condicións son moi malas para as explotacións agrarias.

Coincide en sinalar que algunhas grandes superficies aproveitaron os problemas de distribución que tiveron ao comezo da pandemia. “Un exemplo foi que se pagaron 50 céntimos pola unidade das cabezas de repolo na Comarca da Mariña, cando se estaba multiplicar por seis o prezo no supermercado”, indica. 

Máis implicación da Administración

Xulio Rodríguez Bermúdez, labrego de Mondoñedo que forma parte da SAT Labregos de Lugo, é moi crítico co actual sistema que propón o libre mercado deste tipo de produtos.

“Estamos falando de alimentación e de saúde, máis nestes tempos que corren”, reflexiona á vez que pide “máis implicación da Administración galega, que debería apostar por unha marca propia” e por controis que impidan a entrada de produtos "que non sabemos se cumpren coas condicións dos nosos ou se teñen substancias químicas legais nos seus países". Denuncia que a actual etiquetaxe “é fraudulenta e a orixe non queda clara cando todos sabemos o que entra polo porto de Vigo cada ano”.

Comentarios