Denuncian que a contratación das brigadas anti-incendios en concellos do PP ''foi feita a dedo''

Aspirantes das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes quéixanse da ''falta de rigor'' nas probas practicadas, con probas escritas onde as preguntas non tiñan a ver nin cos lumes forestais nin co coñecemento da zona e probas físicas supervisadas ''por persoal das oficinas do Concello'' e non por profesionais

photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


Probas escritas onde non se requería demostrar coñecemento dos montes do lugar nin sobre incendios forestais; e probas físicas supervisadas "por persoal da protección civil e das oficinas do Concello" cando as bases estabelecían, entre outras cuestións, que as pulsacións d@s aspirantes serían medidas por persoal cualificado e cun pulsómetro.

"A min púxome os dedos no pescozo un membro da protección civil, contou e anotou o que lle pareceu". A denuncia faina un veciño de Lalín con experiencia na extinción de incendios após varias temporadas traballando para Tragsa, para Seaga e para a Xunta de Galiza.

Após superar todas as probas (dúas físicas e unha escrita), o seu nome apareceu no noveno lugar da listaxe de aspirantes. As prazas eran seis. Déronlle unha puntuación total (sumando probas, experiencia e méritos) de 1.86, cando só polo ciclo de Formación profesional que ten finalizado lle corresponderían, segundo as bases 2 puntos. 

Un tribunal composto por traballador@s do Concello

Cando foi ao Concello reclamar explicáronlle que "por un erro deles fixen todas as probas, mais que en realidade xa non superara a primeira, que era un 'non apto'". Era a chamada 'proba do banco' e as bases estabelecen que será un profesional quen controle o ritmo cardíaco d@s aspirantes cun pulsómetro unha vez transcorridos 15' do final.

Para a brigada de Lalín, e segundo denuncia este candidato, as pulsacións mediunas "colocando os dedos no pescozo" un integrante de protección civil "e o resto do tribunal eran da oficina do Concello" polo que recrimina que as seis prazas ofertadas "foron dadas a dedo".

Das outras dúas probas que realizou, unha era un test con 20 preguntas e tres opcións a escoller. Para ningunha se requirían coñecementos da comarca "para saber a onde tes que ir se te chaman para un incendio, porque a convocatoria era para prevención, vixilancia e extinción de incendios". Tampouco se preguntaba nada que requirise experiencia nestes labores. Porén, había que saber "de cadros eléctricos ou de pó de aluminio". Unha aspirante, con formación de capataza forestal e estudante de Enxeñaría de montes, foi eliminada nesta proba.

A terceira proba, tamén física, consistía en rozar a ras do chan un tramo de 10 metros en 10 minutos, e non houbo tampouco igualdade de condicións: "uns rozamos xuncos e outros rozaron fentos, mais a todos nos deron a puntuación máxima, un 5". En conversa con Sermos Galiza, este aspirante informa de que segue a agardar resposta após presentar a reclamación perante o Concello lalinense, malia que as cuadrillas comezaron hoxe (por esta quinta feira 1 de agosto) a traballar. 

''Non só meten a súa xente, senón que lles dan puntos para futuras convocatorias''

Denuncia que non foi o de Lalín o único Concello en cometer "irregularidades" na contratación do persoal das brigadas. Segundo conta, as bases en Cerdedo (cada concello tiña as súas bases) daban 3 puntos pola experiencia, 3 por ser menor de 25 anos e 2 por ser maior de 45 e ter crianzas. En Forcarei "candidatos cos que falei dixeron que todo fora unha trapallada tamén" e un bo amigo seu que levaba 12 temporadas nas brigadas do Concello da Estrada quedou desta volta no posto "vinte e pico".

Son moit@s @s aspirantes ás brigadas anti-incendios nas comarcas do Deza e Tabeirós as que mostraron a súa indignación perante a maneira aleatoria de realizar as probas de acceso. Quéixanse de que o PPdG, que goberna en todos os concellos da contorna, "non só están a meter a súa xente senón que lles están a dar puntos por méritos de tal maneira que terán vantaxe perante futuras convocatorias". E acrecentan: "iso se é que algún día as probas de acceso se fan de maneira limpa".

Comentarios