Denuncian un novo caso de enchufismo en Medio Rural, desta vez dun ex alcalde do PP

O sindicato CSIF afirma que o conselleiro volve utilizar o seu cargo para colocar José Manuel Traba, alcalde de Fisterra desde o 2002 até o 2015, "mais desta vez recorrendo á figura de asesor".
José González, conselleiro de Medio Rural, coa directora de Agader e o actual alcalde de Viana do Bolo (Xunta da Galiza)
photo_camera José González, conselleiro de Medio Rural, coa directora de Agader e o actual alcalde de Viana do Bolo (Xunta da Galiza)

O pasado 8 de febreiro, CSIF denunciaba a utilización da Axencia galega de desenvolvemento rural (Agader) polo Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, para colocar como persoal directivo o presidente do PP do Barco de Valdeorras, cuxo único mérito e criterio de idoneidade, segundo explican desde o sindicato, "era o ser parlamentario do Partido Popular".

Agora, este mesmo sindicato afirma nun comunicado que o conselleiro volve utilizar o seu cargo para colocar José Manuel Traba, alcalde de Fisterra desde o 2002 até o 2015, "mais desta vez recorrendo á figura de asesor".

"O ex alcalde de Fisterra figura agora como asesor no directorio telefónico de Agader sen saber a súa retribución"

Segundo o CSIF esta figura vulnera a Lei do emprego público da Galiza ao ser nomeada nada máis por integrantes do Consello da Xunta "para realizar labores de asesoramento especial ou apoio aos mesmos en desenvolvemento do seu labor político, en cumprimento dos seus labores de carácter parlamentario e nas súas relacións coas institucións públicas, os medios de comunicación e as organizacións administrativas, así como actividades protocolarias".

Asesor do directorio telefónico de Agader

Este sindicato denuncia que o ex alcalde de Fisterra figura agora como asesor no directorio telefónico de Agader sen saber a súa retribución.

Ademais, segundo puido constatar CSIF, está situado fisicamente na área económica-financeira, onde todos os procedementos que se levan a cabo, así como a actividade administrativa que se desenvolve, corresponde a funcións propias de empregados públicos en “funcións que, en ningún caso, poidan ser desempeñadas por asesores ou persoal eventual"

Comentarios