As denominacións de orixe galegas prevén superar os 64 millóns de quilos de 2019

A vendima, marcada polas novas medidas anti Covid-19, podería rematar con preto de 65 millóns de quilos de uva recollida
Vides na Ribeira Sacra
photo_camera Vides na Ribeira Sacra

A vendima comeza en Galicia cunha previsión de recollida de preto de 65 millóns de quilos de uva entre as cinco denominacións de orixe (DO) existentes, unha cifra similar á de 2019, nun ano marcado polas medidas de prevención fronte ao coronavirus.

A DO de Rías Baixas encabeza as previsións de crecemento, cunha alza do 15% até acadar os 37,5 millóns de quilos de uva. O seu director técnico, Agustín Lago, explica que, mesmo, "podería ser un pouco máis", xa que "coas choivas é posible que poida haber máis quilos ao hidratarse máis as uvas".

No caso de Monterrei, o director técnico do Consello Regulador, Luís Miguel López, explica que traballan co obxectivo de que a campaña sexa parecida á do ano pasado, con 5,6 millóns de quilos. En cambio, en Ribeira Sacra agárdase unha colleita menor, que roldará os 6 millóns de quilos ─foron 7,2 millóns en 2019, a máis abundante da historia─. Mentres, en Valdeorras cífrase próxima aos 6 millóns, unha cantidade que queda preto dos 6,8 millóns do anterior exercicio.

Pola súa banda, na DO Ribeiro o presidente do consello regulador, Juan Casares, indica que non fai unha estimación numérica, xa que existen incógnitas como o episodio de mildiu vivido no confinamento, aínda que hai perspectivas "boas". Confía en superar, "por suposto", o chan histórico dos 9 millóns de quilos de 2018, aínda que non se atreve a afirmar "se se chegará" aos 12,2 millóns de 2019.

En 2019, as cinco DO galegas acadaron a terceira vendima máis alta da década, con 64 millóns de quilos, só por detrás de 2011 --marca absoluta-- e de 2018.

Prevención fronte ao coronavirus

Entre as medidas de prevención fronte á pandemia, os consellos reguladores trasladaron ás adegas a petición da Xunta de que informen sobre os xornaleiros contratados co fin de facerlles probas antes de comezar as tarefas. No tocante aos consellos regulares realízase un protocolo específico para os seus veedores e auditores, como a vintena coa que conta Rías Baixas, que lles compete directamente a eles e encárganse de facer as revisións polas empresas, xa que as contratacións de xornaleiros fanas directamente as adegas.

Agustín Lago expresa que algúns dos consellos que se deron aos seus veedores de Rías Baixas é "limitar as reunións" e "minimizar" os contactos tanto con viticultores como co material de adegas. No caso de Valdeorras, o consello regulador optou pola contratación de veedores a través dunha empresa de traballo temporal. "Por parte do Consello Regulador de Ribeiro creo que imos poder garantir un nivel de seguridade moi alto", asegura nesta liña Juan Casares. Máscara, controis de temperatura, hidroxeles, distancia de seguridade entre xornaleiros e desinfección de instalacións son algunhas das medidas que implantaron as adegas para esta campaña.

Marqués de Vizhoja, de Rías Baixas, foi unha das primeiras adegas galegas en activar un protocolo fronte ao COVID-19, que inclúe normas como un sistema de balizas para que cada vendimiador saiba por onde ir e evitar concentracións de persoas. Recomenda non compartir as ferramentas, evitar o contacto das mans coa cara e lavar a roupa despois de cada xornada.

Precisamente, os ministerios de Sanidade e Agricultura fixeron un chamamento a non "baixar a garda" e a seguir as medidas recollidas na 'Guía para a prevención e control da COVID-19 nas explotacións agrícolas', aprobada hai unhas semanas, especialmente as medidas relativas ao transporte e aloxamento dos traballadores temporeros. Tamén lembraron a necesidade de que os concellos manteñan espazos específicos para o illamento de positivos.

Comentarios