Imponse a liña dura da organización

Demite Antón Arias como presidente da patronal galega

Defendeu posicións heterodoxas en materia lingüística, a prol dun referendo pactado en Catalunya e dun incremento sustancial dos salarios. Posturas duramente contestadas desde a liña dura da patronal.

Antón Arias, presidente da Confederación de Empresarios da Galiza
photo_camera Antón Arias, presidente da Confederación de Empresarios da Galiza

Un ano. Non durou máis no cargo Antón Arias, quen apresentou a demisión esta quinta feira 25 de xaneiro (asumiu o cargo o 27X de 2017). 

Arias enfrontaba esta quinta feira un comité executivo "complicado" para el, segundo fontes consultadas por Europa Press. O seu mandato caracterizouse por posicionamentos progresistas en diversas materias, moi a contracorrente das tendencias maioritarias na burocracia empresarial que controlou historicamente a patronal galega.

En non poucas ocasións mostrou as súas discrepancias a respeito das sucesivas reformas laborais ao tempo que dixo estar a prol -a título persoal- dunha solución política negociada en Catalunya que pasase polo recoñecimento do direito a decidir do pobo catalán.

Desde hai uns meses, as presións para forzar a renuncia de Arias foron especialmente intensas desde as organizacións empresariais de Pontevedra e Ourense, co ex presidente da confederación José Manuel Fernández Alvariño como mascarón de proa dos críticos.

Comentarios