As demandas contra NCG pola estafa das preferentes superan as 2.500

Dende a primeira condena en xullo de 2012, resolvéronse 275 casos, 181 de forma favorábel aos afectados. Dous milleiros de afectados manifestáronse unha vez máis este sábado nas rúas de Sanxenxo.

Manifestación d@s afectad@s polas preferentes en Vigo
photo_camera Manifestación d@s afectad@s polas preferentes en Vigo

A loita das e dos estafados polas preferentes e subordinadas de NCG continúa nos xulgados. Quen decidiron non acollerse á vía do arbitraxe, pola que 37.600 clientes recuperaron parte dos seus cartos --segundo datos do Instituto Galego de Consumo, manteñen aberta a porta xudicial contra as antigas caixas galegas. 

Preto de 43.000 galegas e galegos, a meirande parte con pequenos aforros, foron vítimas da colocacións destas participacións destinadas a “investidores cualificados”. Máis de 2.500 optaron por demandaren a NCG, por valor de 148 millóns de euros. Polo momento só 275 denuncias foron resoltas.

A entidade bancaria conseguiu gañar un terzo dos litixios, 94 casos, nas que se inclúen os desestimentos daqueles demandantes que renunciaron para acudir á arbitraxe. As sentencias favorábeis para os afectados ascenden xa a 181, dende aquela primeira condena histórica en xullo de 2012 imposta polo xulgado de primera instancia número 1 de Cambados.

Porén, as plataformas de afectados advirten de que non cesarán nas súas protestas. Dous milleiros de afectados manifestáronse unha vez máis este sábado nas rúas de Sanxenxo. Onte, varios destes colectivos realizaron por segunda vez unha retirada conxunta de fondos de NCG, como método de presión para que non se peche o proceso de arbitraxe, que está previsto que remate nos vindeiros días. Máis de 20.000 persoas afectadas que solicitaron acollerse a este mecanismo aínda non foron recibidos. As e os demais recuperaron unha cantidade inferior á pactada.

As plataformas calculan que “faltan por recuperar” uns 500 millóns de euros, polo que teñen previsto continuar con esta e outras campañas de protestas. "Hai miles de afectados co mesmo perfil dos que xa cobraron e que non foron chamados á arbitraxe", aseguraban nun comunicado, que temen que a entidade, rescatada con cartos públicos, dea por pechado o problema tras a súa subasta este outono.

Comentarios