sábado 30.05.2020

Demandan un marco tarifario estábel para un sector electrointensivo “en crise” en Galiza

A CIG, principal sindicato nesta industria, insta as administracións a implicarse en solucionar os problemas existentes nesta rama da actividade. 

Imaxe dunha protesta en Alcoa
Imaxe dunha protesta en Alcoa

Delegados e delegadas da CIG concentráronse esta quinta feira diante da Delegación do Goberno na Coruña para esixir solucións para a industria electrointensiva. As persoas concentradas demandan a creación dunha tarifa industrial “estábel, predicíbel e competitiva” que recoñeza o estatuto específico deste tipo de empresas con grandes consumos de enerxía.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, puxo o acento na “grave crise industrial” que atravesa o sector electrointensivo e perante a que cómpre atopar solucións. No camiño destas, sinalou,  un marco estábel para esta industria é obrigado

A CIG fixo entrega ao Goberno español, por cuarta vez, da proposta que elaborou para a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel para a industria electrointensiva. Esta proposta xa foi remitida tamén á Xunta de Galiza, a patronal do sector e mesmo ao comisario europeo de Enerxía.

Carril tamén quixo denunciar a actitude do Ministerio, que "segue negando a CIG, aínda que é a única organización sindical que ten, dende hai meses, unha proposta para as electrointensivas e a pesar de ter a condición de sindicato máis representativo, ser a primeira forza sindical en Galiza e a primeira neste tipo de industria".

A protesta deste quinta feira enmárcase no calendario de mobilizacións que a CIG ten acordado para esixir "que se adopten as políticas públicas necesarias para defender o interese xeral". Nese marco, nas próximas semanas presentaranse mocións sobre a creación da tarifa industrial en todos aqueles concellos nos que hai instaladas empresas con grandes consumos enerxéticos.

comentarios