Delegación do cerco: “Atopamos máis receptividade en Bruxelas que na Xunta”

andres garcia cerco
photo_camera Andrés García

A delegación do cerco que viaxou a Bruxelas, convidados pola deputada Lidia Senra (AGEe), para expoñer a súa problemática e demandas está a empregar a fondo o tempo, como eles propios recoñecen. Á espera de manter a xuntanza co comisario de Pesca comunitario, Alain Cadec, están a ter xuntanzas con representantes políticos, como o grupo parlamentar socialista na UE. Asiistiron a unha comisión onde o director xeral de Pesca comunitaria “nos dixo que ía estudar persoalmente a situación e emitiría un ditame”.

Andrés García, voceiro de Acerga (Asociación de armadores do cerco de Galiza) confesa a Sermos Galiza que “estamos a atopar unha gran receptividade” ás súas explicacións, se ben engade que “haberá que esperar a ver os resultados”. Recoñece que non atopa tanta receptividade na Xunta. “En Galiza non damos arreglado, por iso decidimos vir até aquí”, salienta.

O voceiro de Acerga lembra que “non estamos cos barcos amarrados e non levamos tres semanas acampados en San Caetano [edificio da Xunta] por gosto”.

Que reclaman os mariñeiros e Acerga?

No número 170 do semanario en papel vai unha reportaxe a dupla páxina na que responde a oito preguntas fundamentais a respeito dun conflito que atinxe 146 embarcacións e máis de 1.500 mariñeiros. Un sector económico estratéxico en portos como Portosín, Cesantes, Sada ou Malpica, entre outros.  A frota do cerco galega atópase amarrada en defensa dun reparto "xusto" das cotas pesqueiras principalmente do xurelo --que representa o 80% dos ingresos desta arte-- e da xarda.

Até o de agora e embora a galega constituír a principal frota, só lle corresponde menos do 25% da cota da xarda. Isto débese ao modelo de reparto aplicado desde 2012. O criterio que emprega baséase nun "histórico" de capturas entre 2002 e 2012, o que prexudicou ao cerco galego que viña limitando desde hai dúas décadas a cantidade de peixe que pesca para preservar as pesquerías, algo que non fixeron outras frotas. Neste senso, a frota basca ou a asturiana --que conta só con 8 embarcacións-- posúen máis cota que as 146 galegas. "Un barco do cerco basco ten máis cota que os 20 que hai no porto de Vigo", di Andrés García. 

Desde Acerga responsabilizan da situación que atinxe o sector aos representantes das confrarías que na altura fixeron parte das negociacións mais tamén á Xunta de Galiza porque "non nos defenderon", aseguran. 

Comentarios