martes 31.03.2020

Defensa libera a Fábrica de Armas da Coruña para dar paso á Cidade das TIC

A concesionaria, Hércules de Armamento, abandona as instalacións de forma voluntaria após seis anos sen fabricar un arma.
Fábrica de Armas da Coruña (arquivo).
Fábrica de Armas da Coruña (arquivo).

O Ministerio de Defensa recuperou esta mañá as instalacións da Fábrica de Armas da Coruña após de varios anos de incumprimentos por parte da concesionaria, Hércules de Armamento, e de varios requirimentos á empresa para que deixara a factoría, da que nunca chegou a saír ningún arma.

A Delegación do Goberno español na Galiza deu conta do desaloxo a través da súa conta de Twitter, na que aseguraba que, con esta actuación, o Executivo daba cumprimento ao seu "compromiso" coa cidade da Coruña. Tamén apuntaba que Hércules de Armamento, a empresa que se fixera coa concesión hai seis anos, após da marcha da multinacional General Dynamics, accedera a abandonar as instalacións "de forma voluntaria". 

 

Coas naves da factoría liberadas, o Ministerio de Defensa xa ten vía libre para facer efectivo o acordo de cesión acadado  coa Universidade da Coruña  (UDC) para a creación da Cidade das TIC, un proxecto que ten como obxectivo crear un polo tecnolóxico de referencia na Galiza. A UDC conta para iso co apoio de varias empresas con importante peso no sector e do  Cluster TIC, entre as que se atopan R, Cinfo, Éveris ou Indra. O investimento estimado para a adecuación dos espazos, que suman 90.000 metros cadrados, aproxímase aos 22 millóns de euros.  

Terreos para o novo hospital

Esta superficie é solo unha pequena parte dos terreos dos que dispón o Ministerio de Defensa na zona de Pedralonga. De feito, nos últimos meses, a parcela da antiga Fábrica de Armas barallouse como posíbel alternativa para construír alí o novo hospital da Coruña, pero finalmente a Xunta optou por levantalo no mesmo emprazamento que o actual, en parte para non interferir co proxecto da Cidade das TIC.

comentarios