O declive demográfico agudízase pola pandemia e un futuro laboral incerto

A situación económica e social derivada da crise da Covid-19 vai agravar o problema demográfico na Galiza. A incerteza sobre o futuro e a inestabilidade do mercado laboral afectarán a decisión de ter descendencia e provocarán un atraso na idade de incorporación da xente máis nova ao primeiro emprego.
Galiza precisa da emigración para non perder poboación (Arxina).
photo_camera Galiza precisa da emigración para non perder poboación (Arxina).

En contra do que moita xente pensa, o confinamento non vai traer a Galiza un "baby boom" que consiga frear o declive demográfico que padece o país. Lonxe de mellorar os datos de nacemento, o máis probábel é que xere o efecto contrario. A inestabilidade laboral e as incertezas sobre a recuperación económica atrasan a decisión das galegas de ter fillos

Como explica en declaracións a Nós Diario o catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Compostela (USC) Rubén Lois, "a xente trae os fillos ao mundo cando decide, non por estar nunhas determinadas circunstancias ambientais, como pode ser o caso do confinamento". O que si parece estar demostrado é que os momentos de incerteza económica e de crise provocan unha retracción no número de nacementos e que son as épocas de saída da crise as que xeran unha natalidade máis alta.

Neste senso, apunta que "co paro, cos ERTE e coa crise económica actual é previsíbel que haxa unha caída moi aguda da natalidade até que a situación non se vai aclarando", algo que o experto non sitúa até 2021. Pero para remontar habería que agardar aínda máis. "Se a recuperación devolvese a economía a niveis similares aos de 2019 xa no 2022 se emprazarían a recuperar os nacementos".

O que parece que non vai pasar é que se produza unha recuperación en 'V' como vaticinan as persoas expertas para a economía. "A xente mira primeiro polo emprego, despois pola estabilidade e despois polos fillos". 

A economía galega vén de caer máis de 20% nos últimos meses. A recuperación vai ser asimétrica, cun crecemento estimado entre 11 e 15% para este trimestre. Aínda así, quedará por recuperar preto de 8% no último trimestre do ano, e vai custar.

 A nivel demográfico, sinala o catedrático, as decisións son aínda máis conservadoras. "Até que a xente non vexa que se amarrou a situación e se recuperou o emprego, non se vai animar a ter fillos. A recuperación neste ámbito vai tardar máis tempo e iso vai ter un impacto forte na estrutura social galega".  

Goteo poboacional

O problema é que a Galiza vai seguir perdendo poboación e a que quede será cada vez máis envellecida. "Vai haber un goteo de habitantes de aquí ao próximo decenio até quedarnos no contorno dos 2,6 millóns (agora Galiza conta con 2,7 millóns de habitantes)", estima Lois, que cre que se conseguirá evitar o colapso de áreas de Ourense e Lugo condenadas a se converteren en desertos demográficos. Nos últimos anos a natalidade era baixa, mais sostida. Agora a caída vai ser acusada. "Precisamos poboación que veña de fóra e que teña fillos, porque nós xa non somos capaces de ter moitos fillos na sociedade galega actual".

En 2019, segundo os datos do IGE, Galiza conseguiu manter estábeis os seus niveis de poboación, en gran medida pola chegada de emigrantes, venezolanos fundamentalmente, que permitiron fechar o ano cun saldo migratorio positivo

Un elemento central neste debate será tamén conseguir que a xente moza que emigrou volva á Galiza con condicións de traballo estábeis.

O problema da idade

Aínda que a perda de poboación non sexa tan grave como algunhas persoas expertas apuntaban (300.000 habitantes menos no próximo decenio), o que si vai mudar é a estrutura poboacional, que vai ser cada vez máis vella. "Haberá menos xente que traballe e máis xente que cobre pensións, o cal é un grave problema para a estrutura económica de calquera país", advirte o catedrático. 

Ademais, engade, "incrementouse significativamente o número de estudantes nas universidades galegas e na Formación Profesional (FP), o que implica que a xente segue a atrasar a entrada no mercado laboral porque ve que non hai boas posibilidades". "Imos a outra fase de atraso na chegada ao primeiro emprego e iso dá moito medo".

Políticas sociais

A situación laboral é, sen dúbida, o maior condicionante á hora de ter fillos. Dada esa relación causa-efecto directa entre o emprego estábel e a natalidade, Rubén Lois considera que se deben tomar medias no eido económico para garantir o futuro laboral das mozas e dos mozos galegos, como a aposta no I+D, o deseño dun plan industrial e o fomento do autoemprego. Mais tamén no ámbito social e afondar na conciliación, na ampliación da rede de escolas infantís e nos servizos sociais, "sobre todo nos espazos urbanos, onde compaxinar horarios é máis complicado que en sociedades rurais, onde a xente nova pode botar man da solidariedade veciñal", conclúe Lois.

Comentarios