Declaración da renda: cando podo presentala?

Malia que a unhas persoas compénsalles máis esta cita coa Axencia Tributaria que a outras, anúnciase que a presentación telemática comezará para todo o mundo o próximo 6 de abril.
Unha oficina da Axencia Tributaria coa campaña do ano 2020, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Cézare de Luca / Europa Press)
photo_camera Unha oficina da Axencia Tributaria coa campaña do ano pasado, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Cézare de Luca / Europa Press)

Unha vez que comeza o ano, sábese que o tempo de facer a declaración da renda está máis perto. A Axencia Tributaria xa vén de anunciar que a cita coas persoas constribuíntes comezará o próximo 6 de abril.

Se es das persoas que sempre quere acabar pronto coa burocracia, poderás atender á Campaña da Renda 2021 o propio 6 de abril pero por vía telemática.

Probabelmente sexa a escolla de moitas outras cidadás, polo que poderías atopar atascos na páxina web de Facenda nalgún momento puntual. Fontes desta Administración explica que xa reciben por internet as achegas do IRPF de nove de cada dez contribuíntes.

En calquera caso, se prefires agardar a ser atendido de forma presencial para rendir contas polos ingresos e patrimonio do ano que vén de rematar, o prazo ordinario será do 1 ao 30 de xuño. Con resultado a ingresar e con domiciliación bancaria, a marxe temporal que fornece a Axencia Tributaria conclúe o 27 de xuño.

Aliás, segue vixente a opción telefónica, que estará activa desde o próximo 5 de maio até o 30 de xuño.

Novidades deste ano

Unha das principais novidades de cara a este exercicio é a alza do imposto para as rendas a partir dos 300.000 euros e para os patrimonios que superen os 10 millóns de euros.

No entanto, estas cuestións van afectar a un número reducido de persoas. Segundo os cálculos do Ministerio de Facenda, serán 36.194 as persoas que se vexan afectadas por estes cambios.

Aliás, o ano pasado víronse rebaixadas as desgravacións de plans de pensións privados individuais a 2.000 euros como achega máxima, mentres que se elevou o límite conxunto de redución (partícipe e empresa) de 8.000 a 10.000 euros nos plans de empresa para potenciar as contribucións empresariais e corrixir a "regresividade" destes beneficios.

Comentarios