A débeda pública de Galiza supera os 10.850 millóns de euros e bate un novo récord

É o duplo da existente cando Núñez Feijóo chegou á Xunta, menos de 4.900 millóns de euros. Agora representa 18,5% do PIB.

Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: Xunta]
photo_camera Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: Xunta]

A débeda pública de Galiza bate un novo récord e fechou 2016 superando os 10.850 millóns de euros, en concreto, 10.854 millóns. Unha cifra que supón un aumento do 4,6% a respecto do exercicio anterior, 2015, cando a débeda era de 10.375 millóns de euros. En apenas doce meses, aumentou en 479 millóns de euros. A 1,3 millóns de aumento da débeda por día.

A débeda pública galega representa o 18,5% do Produto interior bruto (PIB), diminuíndo unha décima en comparación co 2015, cando era 18,6%. Mellor comportamento, pois, que a media do estado español, onde a media é de 22% doo PIB.

Cando Núñez Feijóo chegou á Xunta de Galiza, en 2009, esta débeda era de menos de 5 mil millóns de euros, 4.859, e representaba 8,6% do PIB. Nestes anos, disparouse en case 6.000 millóns de euros e o seu peso a respecto do PIB aumentou en dez puntos.

Froito deste aumento, a débeda autonómica que soporta cada galego tamén experimentou un aumento considerábel. Se no 2009 esta era de 1.756 euros por galego, no 2015 abeiraba os 3.800 euros, o que supón 2.000 euros máis por persoa que cando Núñez Feijóo tomou posesión.

Comentarios