A débeda pública galega segue a subir e xa é de 10.290 millóns, un 4,8% máis que hai un ano

Representa o 18,6 por cento do Produto interior bruto (PIB) de Galiza.

feijoo

A débeda pública de Galiza segue a subir, un 0,77% máis no terceiro trimestre, e xa é de 10.289 millóns de euros, o que supón que 'come' o 18,6% do PIB, o produto interior bruto, do noso país. Desde o terceiro trimestre de 2014 até ese mesmo periodo deste ano o aumento da débeda pública foi do 4,82%. As empresas públicas non incluídas no sector das administracións públicas en Galiza rexistran unha débeda de 34 millóns de euros, representando o 0,1% do PIB.

A débeda pública de Galiza bate récords baixo o mandato de Núñez Feijóo: un aumento do 110% a respeito da débeda pública galega que había en 2009, ano no que o PP retornou á Xunta, e que era de 4.859 millóns. Unha débeda que entón supuña o 8,6% do PIB galego, 10 pontos menos que o que representa na actualidade.

O 2014 xa se despediu deixando unha débeda pública galega a niveis de récord, 9.961 millóns de euros (18% do Produto interior bruto), mais esa cifra foi superada xa no 2015 en curso. Cada galego soporta 3.733 euros por débeda autonómica (cifra que se dispara a máis de 9.000 de se lle sumar outros pasivos: do estado, concellos...). Antes da chegada de Núñez Feijóo, esa débeda autonómica per cápita que agora é de 3.733 euros era de 1.756 euros. Dous mil euros menos.

Comentarios