A débeda pública galega chega a 11.538 millóns, o 19,9% do PIB

A débeda pública galega sobe 2,3 puntos porcentuais con respecto a finais de 2019, e máis de 11 puntos desde a chegada ao Goberno de Alberto Nuñez Feixoo en 2009, cando se situaba no 8.6% do PIB (64.430 millóns de euros).

Banco de España nunha imaxe de arquivo. (Foto: Wikipedia)
photo_camera Banco de España nunha imaxe de arquivo. (Foto: Wikipedia)

O Banco de España publicou esta cuarta feira, 31 de marzo, os resultados da débeda pública no Estado, segundo o  Protocolo de déficit excesivo que impón a Unión Europea, no que a Galiza se atopa 7.2 puntos por debaixo da media autonómica.

Non obstante, a débeda pública galega subiu 2,3 puntos porcentuais con respecto a finais de 2019, e máis de 11 puntos desde a chegada ao Goberno de Alberto Nuñez Feixoo en 2009, cando se situaba no 8.6% do PIB (64.430 millóns de euros).

A pesar destas cifras a Consellaría de Facenda destacou que é o territorio con menor aumento de volume desde 2008, e a suposta “redución nos últimos exercicios”, cun volume de débeda que pasou de 4.859 millóns de euros en 2009 a 11.538 millóns de euros no final de 2020, segundo o informe do Banco de España.

Dese total, 4.095 millóns de euros adebédanse a institucións financeiras do Estado e 1.044 a institucións financeiras do resto do mundo; 3.795 millóns de euros ao fondo de financiamento autonómico; 2.250 millóns correspóndense con valores de débeda a longo prazo e os 354 millóns están a nome de asociacións público-privadas.

As cifras da débeda sitúan Galiza como o quinto territorio con menor nivel de endebedamento con respecto ao PIB, despois de Canarias (15,1%), Madrid (16%), Euskadi (16,1%) e Nafarroa (19,1%).

120% do PIB

No conxunto do Estado, a débeda pública supera o billón de euros (1.345.570 millóns) e supón o 120% do PIB do Estado, cun aumento de case 21 puntos porcentuais no último ano.

Unha parte desta subida corresponde a obriga imposta a semana pasada pola Unión Europea que o Estado inclúa 35.000 millóns de euros da débeda da Sareb, que desde a etapa de Luis de Guindos á fronte do Ministerio de Economía e Competitividade negouse a contabilizar como débeda pública.

Concellos

A débeda acumulada polos concellos do Estado ascende a 21.945 millóns de euros.

Entre as cidades con maior débeda destaca Madrid, con 1.950 millóns de débeda, séguelle Barcelona con 801 millóns, Zaragoza con 701 millóns, Málaga con 317 millóns, e Murcia e Valencia, que teñen 290 millóns cada unha.

Comentarios