2.000€ MáIS POR PERSOA

A débeda pública disparouse durante os anos do goberno Feijóo nun 110%

O pasivo bate récords e supera os 10.000 millóns euros. Cada galego soporta agora 2.000 euros máis de débeda pública autonómica que antes da chegada do PP ao goberno en 2009.

[Imaxe: Feijóo]
photo_camera Imaxe: Lavandeira

A débeda pública de Galiza bate récords baixo o mandato de Núñez Feijóo, superando xa os 10.000 millóns de euros e representando máis do 18,3% do Produto interior bruto (PIB) do noso país. No segundo trimestre deste ano o pasivo acumulado é de 10.210 millóns de euros, o que supón un aumento do 110% a respeito da débeda pública galega que había en 2009, ano no que o PP retornou á Xunta, e que era de 4.859 millóns. Unha débeda que entón supuña o 8,6% do PIB galego, 10 pontos menos que o que representa na actualidade.

O 2014 xa se despediu deixando unha débeda pública galega a niveis de récord, 9.961 millóns de euros (18% do Produto interior bruto), mais esa cifra foi superada xa no 2015 en curso. Cada galego soporta 3.733 euros por débeda autonómica (cifra que se dispara a máis de 9.000 de se lle sumar outros pasivos: do estado, concellos...). Antes da chegada de Núñez Feijóo, esa débeda autonómica per cápita que agora é de 3.733 euros era de 1.756 euros. Dous mil euros menos.

Cada galego soporta 3.733 euros por débeda autonómica (cifra que se dispara a máis de 9.000 de se lle sumar outros pasivos: do estado, concellos...)

E mesmo hai estudos, como os do profesor Álvarez Corbacho, que elevan esa débeda actualmente en 10 mil millóns até máis de 14.000 millóns de euros ao lle engadir os compromisos de gastos futuros das colaboracións públicos-privadas.

O propio Consello de Contas alertaba este verán do alto endebedamento da Xunta. O propio conselleiro maior deste organismo, e ex-conselleiro de gobernos de Manuel Fraga, Xesús Palmou, falaba de que se podía dar un “problema sobre a sostibilidade” de se manter a situación. O propio presidente da Xunta dixo neste mes de xullo, após esas advertencias do Consello de Contas, que un dos compromisos do seu goberno ía ser reducir a débeda pública. Feijóo defendeu o endebedamento alegando a necesidade de “manter servizos públicos”. Un argumento que non convence a oposición, que achaca ese endebedamento ao gasto corrente e á deriva dunha política económica da Xunta que non é quen de afrontar a situación de crise.

Comentarios