A débeda pública da Galiza continúa a subir e sitúase en 11.971 millóns de euros

Representa xa perto de 20% do PIB.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo

A débeda pública galega alcanzou os 11.971 millóns de euros no segundo trimestre do ano, o que supón un 19,6% do Produto interior bruto (PIB) da Galiza,1,3 puntos superior á do mesmo período de 2019, segundo os datos que publica esta cuarta feira o Banco de España.

Mentres, a débeda das empresas públicas non incluídas no sector administracións públicas situouse en 7 millóns de euros, fronte aos 8 en que estaba ao peche do segundo trimestre do ano pasado.

Cando en 2009 Feixoo chegou ao goberno da Xunta, a debeda estaba en torno ao 8,6% do Produto interior bruto. Daquela a débeda pública era de 4.859 millóns de euros, case 7.000 millóns de euros por baixo da de agora.

Desde 2009 o pago da débeda pública galega foi a partida orzamentaria do Goberno galego que máis aumentou. Nese ano, no que ascendía a 5 millóns de euros, consumía 3,6 % da partida orzamentaria. En 2020, cunha débeda que xa supera os 11 millóns de euros, esa partida absorbe 14% do orzamento.

Pola súa banda, a Consellería de Facenda reivindica que o Banco de España "volve situar Galiza como a terceira comunidade de réxime común con menor endebedamento de toda España", e destaca que aumenta o diferencial de cociente débeda/PIB coa media autonómica até os 6,5 puntos.

Comentarios