Debate dos orzamentos 2017: mil emendas da oposición fronte ao rolete do PP

As propostas do BNG, En Marea e PSdeG procuran reorientar por volta de 2.000 millóns de euros.

Parlamento da Galiza
photo_camera Parlamento de Galiza

“O PP non vai aplicar o rolete”. O portavoz parlamentar do Partido Popular, Pedro Puy, manifestábase nunha entrevista así de rotundo no inicio desta lexislatura e afirmaba que no período que se abría  ían aplicar o diálogo. Esta segunda feira, na que hai o debate de totalidade no Parlamento galego dos orzamentos 2017 e da Lei de Acompañamento, vai ser unha boa oportunidade para tomar o pulso ao compromiso que Puy expresara en outubro. De comezo, o PP xa deixou claro que ía rexeitar as emendas de devolución. O debate, pois, vaise a dar nas nomeadamente en torno ás emendas ao estado de gastos e acompañamento (lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación que acompañan as contas). Como informa Europa Press, son por volta dun milleiro de emendas

Desde o BNG rexistráronse máis de 300 emendas, ás que hai que sumar as perto de 60 a 2 anexos. Os nacionalistas propoñen reorientar uns 900 millóns de euros para que se destinen a política social, emprego ou servizos públicos. O plan retorna (para favorecer a volta dos mozos que tiveron que emigrar) ou o resgate do Hospital Álvaro Cunqueiro, son aslgunhas das propostas, así como establecer un plan galego contra a violencia de xénero, que se dote economicamente.

Tamén apostan en habilitar unha partida de 12 millóns de euros encamiñada a financiar unha renda de garantía social, ben como outro fondo de por volta de 4 que se dirixa a atender os casos de exclusións social máis urxentes. A respecto dos sectores produtivos, os nacionalistas queren que se destinen 55 millóns de euros a un Plano de Industrialización, 30 para financiar actividades pesqueiras e 40 para o o medio rural.

Un cento de emendas foron as presentadas por En Marea ao documento de Orzamentos 2017. Afectan a uns cincocentos millóns de euros. O grupo parlamentar de Luis Villares pon sobre a mesa propostas como a de destinar 15 millóns de euros a un plan de emerxencia contra a precariedade laboral, ou ben destinar ao ensino público cartos que se dirixen a concertos coa privada, algo que tamén propoñen facer na sanidade.

O deputado Manuel Lago considerou que os orzamentos elaborados polo PP "son restritivos, contrarios á economía e antisociais". Do incremento de 259 millóns previsto, 185 destinaranse a "pagar o que a Xunta lle roubou antes aos empregados públicos". "Por tanto, redúcense en termos reais e iso convérteos nunha das razóns que explican o forte retroceso da economía e, por tanto, do emprego", advertiu.

O PSdeG rexistrou 600 emendas. Son uns 600 millóns de euros os que coas mesmas queren reorientar a campos como o emprego, o I+D ou recuperar servizos públicos. Piden incrementar os ingresos ao tempo que reducir os gastos. A respecto deste último aposta en reducir salarios de altos cargos e publicidade.

Comentarios