En 28.000 fogares galegos non entra ningún ingreso

O presidente do goberno central acaba de anunciar a prórroga do Plan Prepara, a axuda de 400 euros mensuais a desempregad@s de longa duración. Mais o problema é acceder a ela. Non están contabilizadas as persoas perceptoras desta subvención en Galiza (no Estado son 200.000), mais os últimos datos de paro rexistrado tecen un panorama preocupante.

Renato Núñez, secretario de organización da CIG na comarca de Compostela, achega a cifra de 28.000 fogares en que non entra ningún ingreso. Segundo os datos de paro rexistrado correspondentes a xullo, hai 104.132 persoas desempregadas que non perciben ningún tipo de prestación. “A isto hai que lle engadir as 80.000 persoas que reciben a renda activa de inserción (426 euros), que chega escasamente para cubriren as necesidades básicas”. 

Dentro desta poboación, non están contabilizadas de forma diferenciada as persoas que perciben a renda correspondente ao Plan Prepara (400 euros durante 6 meses), que non se pagou neste mes pasado, por “problemas contábeis”, segundo o Ministerio de Emprego. Este 15 de agosto vencía a axuda orzamentada para este ano, pero Rajoy anunciou hoxe mesmo a súa prórroga, que se aprobará, con carácter retroactivo, no Consello de Ministros do día 24 de agosto. “Non creo que a eliminen, mais o problema é acceder a ela. Se poñen unhas condicións difíciles, aforraranse ter que facer público que a quitan”.

O Plan exixía que as persoas que se acolleren a el estean inscritas como demandantes de emprego entre o 16 de febreiro e o 15 de agosto deste ano e non teñan por outra vía ingresos mensuais superiores ao 75% del Salario Mínimo Interprofesional (641 euros), alén de non teren gozado de prestacións semellantes, coma a renda activa de inserción. "O estado non garante a subsistencia das persoas que quedaron fóra do mercado laboral".

Temporalidade e precariedade 

Volvendo aos datos do paro en Galiza, hai unha leve redución estacional (do 3,35% a respecto do mes de xuño, en calquera caso, menor que a do ano pasado por estas datas): “o paro pode estar diminuíndo por un efecto rebote: as persoas que non reciben ningún tipo de prestación e que non ven garantido atopar emprego permanecendo inscritas como demandantes, apártanse do paro ou mesmo marchan do país”.

Por outra parte, cómpre salientar a cada vez maior precarización dos contratos. Como exemplo, case a totalidade (o 94%) dos 78.016 contratos asinados en xullo son temporais. Coa reforma laboral na man, as empresas “optan por despediren a 77 traballadores indefinidos e contrataren outros en precario”. “No ano 2011 rexistráronse 700.000 contratos”, conta Núñez, “dos que a metade foron de menos de 15 días de duración”.

 A presión do Banco Central Europeo, que propón baixar aínda máis os salarios para “aumentaren a competitividade”, incrementará a precariedade, mesmo entre @s emprendedor@s: “non teñen a garantía de seguiren traballando dentro dun ano, e non consomen”. Alerta Núñez de que a renda per cápita do Estado está xa por debaixo da media da Eurozona, e adoptando as medidas que propón o BCE “aumentará aínda máis o paro”.

Comentarios