Os datos de 2019 confirman a desaceleración da economía galega

Datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sinalan que o PIB galego medra 1,8% cando en 2019 creceu 2,1%.
Interior dunha das zonas da fábrica estatal de moeda (Europa Press).
photo_camera Interior dunha das zonas da fábrica estatal de moeda (Europa Press).

O Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza medrou 1,8% en 2019 en comparación como período do ano anterior, segundo os datos que publicou esta pasada quinta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Este incremento coincide coa estimación da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizada a principios do mes de febreiro, na que figuraba que a economía estatal medraba ao mesmo ritmo que a galega (1,8%). Este aumento de 1,8% da economía galega confirma a súa desaceleración en 2019, se temos en conta que en 2018  o seu medre fora de 2,1%.

Segundo o mesmo organismo, o avance do PIB da Galiza por baixo de 2% non ocorría desde 2014 (+1,7%). Nos últimos catro exercicios consecutivos sempre estivo por enriba de 2%: 2015 (3,4%), 2016 (2,8%), 2017 (2,2%) e 2018 (2,1%). Aínda así, a nivel intertrimestral existe unha alza de 0,5% no último trimestre do ano pasado, unha décima máis fronte 0,4% dos tres trimestres anteriores.

En relación ao emprego, hai un aumento de 0,9% en 2019 na Galiza, cun aumento liderado polas actividades inmobiliarias (+2,7%). Hai un avance en todos os sectores salvo en actividades financeiras e de seguros (-3%), así como en agricultura, gandaría e pesca (-1,2%). 

Comentarios