CUT e CNT ocupan o edificio da patronal en Compostela: "á clase obreira xa non lle vale a pasividade"

Da acción fixeron parte tamén as asembleias abertas de estudantes e aproveitaron o peche para presentar o manifesto con que concorrerán ao 1º de Maio nunha resposta conxunta contra "a maior ofensiva aos dereitos e condicións de vida"

photo_camera [Imaxe: @CUTGaliza]


Os sindicatos CUT e CNT e a asembleias abertas de estudantes ocuparon esta segunda feira a sede da Confederación de empresari@s de Galiza (CEG) nunha acción que mantivo @s militantes e activistas no interior do local por volta de dúas horas, tempo que aproveitaron para presentar o manifesto con que concorrerán ás mobilizacións do 1º de Maio, nunha mobilización "alternativa" conxunta. 

Fronte a palabra 'crise', as dúas centrais falan da "maior ofensiva contra os dereitos e as condicións de vida da clase traballadora".

Revólvense contra unha débeda "ilexítima" e que "nós non temos contraído", e denuncian o camiño ascendente que levan as cifras do paro, con 287.400 persoas no desemprego na Galiza após perder o País 52.000 traballador@s con emprego remunerado en só un ano, segundo a última enquisa de poboación activa (EPA).

Nesta liña, alertan de que a acción espontánea que emprenderon ocupando as instalacións da patronal "tiña o dobre sentido de advertir de que a pasividade xa non será máis unha actitude útil" para a clase obreira e, doutra banda, que cómpre "dar un paso máis alá baseado na mobilización activa e na toma do noso futuro coas mans". 

CUT e CNT reivincicarán o 1º de Maio cunha manifestación que partirá da Praza 8 de marzo, na zona vella de Compostela. No seu manifesto arremeten contra "o entramado sindical institucionalizado" de CC OO e UGT, a quen a CUT sinalou como "cómplice" de asinar sucesivos acordos "para recortar nos nosos dereitos". O ERE de Paradores sería só un exemplo. A mobilización da cuarta feira leva por lema Na defensa das nosas vidas, seguimos na loita.

Comentarios